O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, cualificou hoxe de “burla” e “indecencia” a falla de planificación da Xunta fronte á pandemia logo de 9 meses despois do seu inicio e a piques de comezar a campaña de vacinación. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Sanidade que hoxe presentouse no Parlamento, sete meses despois da anterior comparecencia de Sanidade, e “apenas fale da pandemia nin mencione a campaña da vacina contra a covid”.
O responsable socialista criticou que o goberno galego “vai afrontar a campaña de vacinación máis importante da historia sen planificar nada nin ter nada previsto, segundo se interpreta da comparecencia do conselleiro”.
Así o dixo cando o conselleiro de Sanidade advertía que falar agora do plan de vacinación sería “desleal”, coincidindo en tempo -como sinalaría o propio Torrado pola tarde- coas declaracións de Feijóo na Estrada “falando precisamente do Plan de Vacinación”. Puntualizou que “para que logo digan que non compartimos nada: o PSdeG comparte co conselleiro que Feijóo é desleal”.
Na súa intervención durante a comparecencia do conselleiro, o responsable socialista alertou da situación “inasumible” do persoal sanitario, que ten afrontar a posible terceira onda da pandemia despois do Nadal, unida á inminente campaña de vacinación. E todo isto, engadiu, con apenas 87 profesionais máis “en tódolos centros de saúde de Atención Primaria de Galicia”, xunto cunha temporalidade “inasumible” no sistema.
Julio Torrado acusou ao conselleiro de desmentir os Orzamentos da Xunta presentados onte, nos que figuran a contratación de 87 profesionais máis en Atención Primaria, mentres Sanidade anuncia 141 que, preguntou, “onde están e quen lles paga”. Sinalou que “por que cren que poden vir a mentir abertamente sobre o que poñen os orzamentos que presentaron onte e non pase nada”.
Incremento orzamentario
O parlamentario socialista apuntou que os orzamentos para a Sanidade galega aumentan un 7 por cento, a metade do crecemento xeral do 14 por cento grazas aos fondos estatais e comunitarios, e moito menos, comparou, do 29 por cento que aumentan os orzamentos para Deporte. Criticou que manteñan esta situación mentres “baixan impostos ás casas de apostas e ás casas de xogo, igual podían tirar de aí para aumentar as partidas para Sanidade”.
Esixiulle ao conselleiro un baño de realidade e “falar de rastrexadores, da falla de profesionais en Atención Primaria, do galimatías normativo que queren provocar coa Lei de Saúde, da campaña de vacinación, da caída de diagnoses de cancro ou de recuperar a calidade asistencial”. Criticou que o conselleiro “falou da pandemia o máis rápido que puido e veu falar dos premios de innovación”.
Sinalou que a primeira onda da pandemia “pillounos a todos a contrapé, houbo que improvisar e cometéronse erros, e decidiron utilizalo para facer campaña electoral”, co resultado de “despedir ao conselleiro e aos responsables do Sergas e de Saúde Pública”. A continuación afrontaron a segunda onda “botando a culpa a Pedro Sánchez e non fixeron nada”, e apuntou que “a ver se a terceira onda polo menos os colle traballando”.
Lei de Saúde
Torrado alertou ademais do “galimatías normativo” que ten provocado a Xunta na xestión da pandemia, e advertiu que “vamos apoiar as decisións clínicas, pero seguimos sen coñecer os seus criterios para saber por que non pechan Cervo e Burela si”. Un galimatías, engadiu, que agudizarán coa reforma da Lei de Saúde, coa que “queren facer un Estado de Alarma encuberto, sistemático e autoritario, e veremos se constitucional”.
Así o dixo nunha intervención que comezou sinalando o expediente aberto contra o xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín logo de que Feijóo tivera que rectificar e frear o peche do paridoiro. Apuntou que as medidas coñecidas esta fin de semana é “unha purga, unha represalia, un axuste de contas ou vendetta” contra quen contradí as decisións do goberno galego, e reclamou que “paren, porque é insoportable”.
Rastrexadores e información
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, presentou unha moción para reclamarlle á Xunta que clarifique o número de rastrexadores cos que conta, así como a condición laboral do persoal que traballa na Central de Seguimento de Contactos de Bergondo. Lembrou que este persoal foi subcontratado á empresa Konecta, que ten “conexión persoal co propio Feijóo”, e reclamou “información sobre cantos son, canto diñeiro custan e ata cando están contratados”.
Torrado puntualizou que “a información non é da súa propiedade”, antes de parafrasear ao propio presidente da Xunta cando dixo que “se alguén agocha o que está a pasar é que alguén ten algo que agochar”. Os socialistas reclamaron os datos diarios da pandemia en formato aberto e información diferenciada de activos e positivos, e sinalou que a Xunta “só ofrece os datos activos”, agochando o número real de novos positivos por coronavirus”.
Tamén lle reclamou ao goberno galego os criterios e rangos de referencia para avaliar as medidas de restrición que afectan aos concellos e sectores económicos. Neste sentido quere evitar que suceda como nos concellos de Cervo e Burela, nos que o que ten o tripla de contaxios atópase sen limitación algunha, e no concello veciño a cidadanía ten que someterse a limitacións e, remachou, “non queremos lembrar que teñen alcaldías de signos distintos”.