Pregunta “como é posible que a Xunta pretenda loitar contra a despoboación recortando servizos de sanidade, pechando aulas no rural e fomentando a perda dunha xeración por falta de oportunidades”
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamou hoxe a reformulación da Lei de Impulso Demográfico da Xunta “para que poida ter efectividade real na demografía galega”. O Grupo Socialista presentou unha emenda de devolución ao texto, que comezou hoxe o seu trámite parlamentario tan só co voto do PP, para reverter a caída demográfica de Galicia, cos peores datos de España e á cola de Europa.
Ortega advertiu que o texto chega ao Parlamento “baleiro de contido”, carente de financiamento concreto e de medidas eficaces para recuperar a baixa natalidade de Galicia. Sinalou que o texto presentado hoxe é “unha Lei de escaparate pero lamentablemente sen contido, que non compromete a blindaxe de servizos que garantan fixar a poboación” e que adoece dun “baleiro evidente na coordinación ou transversalidade de áreas de goberno”.
Acusou á Xunta de “xogar á confusión e á propaganda cunha Lei que é papel mollado, que amosa a incompetencia do goberno galego en materia demográfica”. Constitúe, dixo, “unha mestura de xeneralidades, vaguidades, sen concreción nin medidas, sen compromiso de financiamento, unha escapada cara adiante dun goberno autonómico superado pola realidade” dun país que perdeu 100.000 habitantes e onde “por cada galego que nace, morren dous”.
A falla nas políticas demográficas do goberno galego, dixo, “confirma que no goberno do PP non hai compromiso, nin rumbo, nin medidas para facer fronte ao reto demográfico”, que “non saben que facer” para evitar que Galicia expulse á xeración mellor preparada da súa historia. Ortega reclamou novas políticas eficaces que permitan que “os galegos e galegas marchen só de vacacións, e os que están fora regresen pronto a vivir na súa terra”.
Sinalou que a propaganda do goberno galego contrasta co “recorte de servizos na sanidade pública, na educación, nas comunicacións e accesibilidade, ou na aposta polo emprendemento especialmente nas zonas máis deprimidas”. Apuntou que a norma “é incompatible co intento de peche do paridoiro de Verín, das escolas no rural, cos recortes en Dependencia, o abandono do rural, a falla de políticas para a xuventude, ou coa falla de oportunidades para o emprendemento”.
Preguntou “de que serve un cheque infantil se non teño escola ou pediatra para levar ao meu fillo” e acusou ao PP de “eliminar servizos cando se perde poboación”. A responsable socialista reclamoulle a continuación ao goberno galego que “replantexen a súa política e pasen á xestión oposta, manteñan servizos para afianzar á poboación e permitir o seu retorno”.
Ademais, sinalou que a norma “limítase a recoller medias normativas xa existentes”, e na que o diálogo e consenso brillan pola súa ausencia nunha Lei elaborada facendo caso omiso ás achegas do resto dos grupos políticos, que “non xorde dun acordo político nin social e carece de dimensión, orientación, financiamento e medidas para reverter a situación actual”.
A responsable socialista contrastou a inacción do goberno galego coa batería de 60 medidas transversais presentadas pola Vicepresidencia para a Transición e o Reto Demográfico do goberno de España, que “incorpora por primeira vez un capítulo específico para inversións dedicadas ao reto demográfico”.
Instou ao goberno galego a seguir este exemplo e aproveite o “potencial de Galicia, a propia creatividade, o tecido asociativo nos concellos, nas cooperativas, de produtores e persoas emprendedoras” e que inclúa “unha aposta firme polo noso rural impedindo a degradación ambiental para así recuperar o gran atractivo que dota dun plus de potencial evidente a Galicia”.