O líder do PSdeG sinala “a falla de orientación e ambición” da Xunta para afrontar a crise derivada da covid e reclama “uns orzamentos para salvar a economía, conter a desigualdade e defender ás persoas”
Santiago, 20 de novembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou hoxe a súa “preocupación” sobre o anteproxecto de Orzamentos Xerais de Galicia, á vista de que a “medida estrela” que inclúen consiste en dar a cada establecemento hostaleiro uns 500 euros.
Así o dixo o líder do PSdeG logo de que Feijóo anunciara a ampliación das comprometidas axudas directas á hostalería ata os 17 millóns de euros; unhas axudas que aínda non percibiu ningún hostaleiro en Galicia a pesares de que pasaron xa máis de 20 días dende que comezaron os peches.
“Esta medida está fóra da realidade e das necesidades que ten Galicia”, remarcou Gonzalo Caballero, á vez que fixo fincapé en que o goberno que deseña este tipo de actuacións “non está á altura” para facer os orzamentos que require a nosa comunidade, máxime nun contexto como o actual.
“Cómpre que o gasto social e o respaldo aos sectores produtivos protagonicen as contas da Xunta”, incidiu o máximo dirixente dos socialistas galegos, quen sinalou “a falla de orientación e de ambición” do goberno autonómico á hora de perfilar medidas que permitan afrontar a crise sanitaria, económica e social derivada da pandemia.
“Galicia necesita uns orzamentos para salvar a economía, para conter a desigualdade e para defender ás persoas”, resumiu Gonzalo Caballero.