Noa Díaz lamenta que “a conflitividade laboral da corporación se resolve a golpe de denuncia e esa inestabilidade é xa case un sinal de identidade da corporación”
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CRTVG, Noa Díaz, instou á corporación, hoxe no Parlamento, a convocar un proceso de selección de persoal para reverter “a precariedade e a temporalidade”. Así, Díaz lamentou que “a realidade é que a conflitividade laboral da CRTVG se resolve a golpe de denuncia e esa inestabilidade é xa case un sinal de identidade da corporación”.
Díaz sinalou que no exercicio de 2019, tal e como reflicte o Informe de Contas, “o ente tivo un gasto de cerca de un millón de euros en procesos de reclamacións xudiciais” de carácter laboral. Neste senso, lamentou que esta situación é xa “un problema estrutural na CRTVG” que “debe combaterse con procesos de selección de persoal”.
Neste senso, criticou que “nos últimos 30 anos unicamente tiveron lugar dous procesos de regularización laboral”, nos anos 1992 e 2011. Isto incide, sinalou “nun maior deterioro dos medios públicos, que ven como continúan traballadores contratados en fraude de lei que só conseguen a estabilización do seu posto en procedementos xudiciais, o que supón para a corporación un importante custo en indemnizacións que sufragamos todos os galegos e galegas”.
A responsable socialista referiuse ao recente pronunciamento do Senado, aprobado por unanimidade, “en defensa dos empregados e empregadas públicas temporais en fraude de Lei”, que advirte da necesidade de reducir a temporalidade nas administracións públicas con especial atención na autonómica e local.
Díaz reiterou a necesidade de “dar estabilidade ao persoal”, ao mesmo tempo que elaborar unha previsión a futuro dado o alto índice de xubilacións, xa que “en catro anos, xubilaranse 119 persoas”, o que supón que existe un “preocupante e rápido avellentamento do cadro de persoal”.
“A MANIPULACIÓN INFORMATIVA É UN FEITO”
A responsable socialista denunciou a “alta manipulación informativa da cadea” que “é un feito” e amosou o seu apoio ao colectivo Defende a Galega que hoxe, cando “chegamos xa a 131 Venres Negros” continúa “reivindicando uns medios públicos de calidade e que desapareza o control político nas súas redaccións”.
Neste senso, reiterou que “canto maior sexa a estabilidade laboral do persoal, maior será a súa independencia á hora de traballar, o que redunda sen dúbida nunha mellora da calidade”.
INFORME DE CONTAS
Trala presentación do Informe de Contas da CRTVG, Díaz denunciou “un serio desaxuste orzamentario que ten que ver cos ingresos publicitarios netos, que cada vez son máis baixos”, o que “se debe, unicamente, á ineficaz xestión da dirección de CRTVG”. Así, recordou que a Lei de Medios Públicos “di expresamente que o financiamento da corporación se baseará nun sistema mixto”, que inclúe “ingresos e rendementos das súas actividades e participación no mercado da publicidade”.
A responsable socialista lamentou “o incumprimento orzamentario” e o “aforro” no capítulo de persoal de máis de 320.000 euros, o que “resulta incomprensible” tendo en conta “o problema estrutural de persoal que existe na corporación”.
Por último, reclamou “o cumprimento íntegro da Lei de medios públicos” cunha “elección democrática na Dirección Xeral, un Estatuto Profesional e un Consello de Redacción”.