A viceportavoz do Grupo Socialista Paloma Castro vén de instar á Xunta a que cumpra coa sentenza do xulgado Contencioso – Administrativo número 1 de Pontevedra obrigando ao goberno a reabrir a escola unitaria de Verducido. O xuíz vén de estimar o recurso do presidente da Escola e catro pais contra a denegación do acceso ao centro de catro rapazas por non acadar o mínimo de alumnos para o seu nivel.
Castro sinala que “o xulgado vén de confirmar que non se podían pechar aulas da escola, sinaladamente nun momento de pandemia, ocasionando un grave prexuízo á educación unitaria, vulnerando o dereito dos nenos e nenas do rural ao acceso á educación en igualdade”.
A responsable socialista ten presentadas no Parlamento unha batería de iniciativas nas que cuestionaba o “compromiso real co medio rural por parte dos responsables do PP”, que “lonxe de reforzar servizos e apoiar á poboación, o que están a facer é desabastecer ao rural de servizos esenciais”.
Sinala que “o peche dunha escola no momento no que nos atopamos carece de xustificación algunha”, e obriga ás familias e aos nenos e nenas afectados, así como aos responsables do centro, a enfrontarse a un “grave prexuízo que non merecen”. Considera unha “vergoña” a xestión do goberno galego, que “non pode tratar así á cidadanía que ten a obriga de protexer”.
Castro explica que o centro, aberto dende 1965, é “referencia a nivel galego e estatal, cunha metodoloxía educativa inclusiva e diversa e un proxecto innovador”, e constitúe un “elemento dinamizador da parroquia e fundamental para a vida da mesma”. O seu proxecto educativo, engade, o fixo gañador de máis dunha ducia de premios e recoñecementos a nivel educativo”, mesmo colaborando con escolas finlandesas.
As amplas dimensións do centro, ademais, garanten o distanciamento social requirido pola situación actual da pandemia, co que o seu peche “non ten sentido ningún”, ademais de producir “un grave prexuízo á educación unitaria” co peche dun centro con alta calidade educativa e pedagóxica”.
Engadiu que esta decisión “arbitraria” supuña ademais “unha contradición cos parámetros educativos establecidos para a pandemia, que debería apostar polas escolas cunha ratio inferior a 25 alumnos por aula”. É o caso da escola unitaria de Verducido, onde “mesmo poderían reubicarse facilmente nenas e nenos doutras escolas ao estar situada a escasos 10 minutos do centro urbán”.