O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, alertou hoxe fronte á “tendencia extrema á privatización dos servizos xeriátricos en Galicia”. Así o dixo durante a comparecencia na Comisión de Reactivación do presidente da Fundación San Rosendo, que con 70 centros é o segundo grupo xeriátrico de Galicia, que rexistrou o 48 por cento dos contaxios detectados en Galicia.
O responsable socialista reclamoulle ao responsable do Grupo xeriátrico polas condicións laborais dos seus traballadores, así como polas sancións recibidos na última década por mala praxe. Lembrou así a denuncia presentada pola Fiscalía pola falla de transparencia ás familias, así como por ter evitado pedir axuda a pesares das carencias de medios e persoal.
Arangüena preguntou polo retraso na realización de test de coronavirus por parte da Xunta, que tardou 12 días en realizar o cribado dende a detección do primeiro caso, entre o 21 de marzo e o 2 de abril “a pesares de que o presidente da Xunta falou en tódalas súas comparecencias públicas da anticipación do goberno galego”. Preguntou así polas xestións para a mellora das ratios de persoal e reclamou a revisión dos protocolos do goberno galego para as residencias.
Esta é unha das graves consecuencias, explicou, da privatización deste servizo, ata o punto de que o 80 por cento das prazas de residencias de Galicia son privadas, e a metade do 20 por cento restante corresponden a residencias concertadas. Explicou que esta situación deriva da decisión do goberno de Feijóo de acabar coa Sociedade Galega de Servizos Sociais –Sogaserso- posta en marcha polo goberno de Pérez Touriño.
Aquela xestión fora traspasada ás caixas de aforros polo goberno de Feijóo, e que terminaría a continuación ao imperio xeriátrico DomusVi, que ao igual que a Fundación San Rosendo está “estreitamente vencellado ao PP”. Explicou que o fundador e presidente de honra da entidade, Benigno Moure, foi condenado a 5 anos de prisión e inhabilitación por terlle estafado 600.000 euros a unha enferma de alzheimer.
Moure, que segue sendo presidente de honra da Fundación, continúa sendo acredor das medallas Castelao e Galicia, grazas á intercesión do goberno de Feijóo. Lembrou que o ex presidente do PP de Ourense e da Deputación Provincial, José Luis Baltar, encabezou en 2011 unha multitude para tentar de frear a súa entrada en prisión, que finalmente se prolongou durante 2 meses pola súa condición sanitaria.