O portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, visitou hoxe o Concello de Dodro, onde mantivo un encontro co seu alcalde, o socialista Xabier Castro, no que tamén estivo a parlamentaria socialista Noa Díaz. Os dous responsables analizaron a iniciativa que Seco presentará na Comisión de Agricultura do próximo xoves na que lle reclamará á Xunta que remate coa parcelaria Dodro – Laíño II, que incluía a reubicación do polígono industrial 27.
O responsable socialista lembra que o anterior alcalde modificara o PXOM –elaborado polo PSdeG- en solitario, en contra do resto dos partidos políticos, coa oposición dos veciños, que presentaron máis de 340 alegacións, e o rexeitamento da maior parte dos propietarios. O novo goberno local, de novo encabezado polo PSdeG, revisou o actual PXOM, pero que se atopou cunha denuncia polo contencioso – administrativo do anterior rexedor.
A continuación, o propio director xeral de Desenvolvemento Rural deixou fora da parcelaria o dito polígono 27, previsto no proxecto orixinal, ata unha resolución da xefatura territorial da Consellería do Medio Rural. Esta estimou o recurso de alzada presentado pola Comunidade de Montes de Man Común de Balouta e Fontecova do 14 de maio de 2019, resolta o 23 de outubro de 2019.
Na súa decisión, a xefatura deixa sen efecto a resolución do director xeral, e obriga a incluír no proceso de concentración parcelaria as parcelas pertencentes ao polígono 27 das bases definitivas que foran excluídas”. Sinala que “no Concello de Dodro non teñen notificación da finalización da concentración parcelaria e lle piden á Consellería que a rematen con premura incluíndo o dito polígono”.