O secretario xeral pide a Feijóo que estudie o “encaixe legal” de requirir fondos europeos para a modernización do estaleiro de Navantia e pregunta por que non o incluíu xa nos 108 proxectos que anunciou
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este xoves Ferrol en compañía do alcalde, Ángel Mato, para amosar o seu compromiso coa transformación dixital do estaleiro de Navantia e coa construción do dique cuberto. “É unha prioridade para o desenvolvemento industrial de Galicia”, remarcou.
Trátase, como dixo o responsable socialista, de “explorar todas as vías” para que Ferrol “gañe toda a forza” e dispoña de “todas as posibilidades cara o futuro”.
Por iso, pediu a Feijóo que “traballe” na busca do “encaixe legal” que permita incluír a modernización de Navantia Ferrol dentro dos proxectos que optan aos fondos europeos. Precisamente ao fío disto, criticou que non contemplase xa esta infraestrutura para o estaleiro na listaxe de 108 plantexamentos que anunciou.
En concreto, Gonzalo Caballero recordou que a Unión Europea sinalou a dixitalización e a transición ecolóxica “como vías a explorar á hora de determinar cales son os proxectos polos que apostar”.
“Se hai posibilidade de dedicar os fondos europeos á elaboración do dique cuberto a través dun proxecto de dixitalización e sostibilidade, esa vai ser unha prioridade do PSdeG e así llo pedimos tamén ao presidente da Xunta”, incidiu Gonzalo Caballero, e instou a Feijóo “a traballar arreo dentro das súas competencias” para conseguilo.
Así mesmo, sinalou que os fondos de recuperación da UE fronte á covid “son importantes”, e por iso “deben dedicarse a aqueles proxectos que teñan maior relevancia para o territorio” e “o dique cuberto de Ferrol é unha necesidade para o futuro do astaleiro”. Por iso, instou á “cooperación” entre as diferentes forzas políticas para “sacalo adiante”.
Ademais, tendo en conta que o dique cuberto é “unha garantía para o futuro de Ferrol”, o máximo dirixente do PSdeG recalcou “a necesidade de sacar adiante” un “estaleiro 4.0”.
Por último, Caballero destacou que foi “un goberno socialista quen marcou un fito histórico coa construción das fragatas de Ferrol”, un investimento de “máis de 4.000 millóns de euros, que van impulsar Ferrol e dar á cidadanía unha oportunidade de vida máis digna, máis emprego e máis posibilidades”.
“UN ESTALEIRO COMPETITIVO”
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, destacou “a importancia da transformación dixital” para que “Navantia sexa un estaleiro competitivo a nivel nacional e internacional”.
Así, remarcou que a aposta polo dique seco “non é facer unha obra, senón un investimento”, toda vez que os informes existentes indican que “a taxa de retorno desta infraesturura sería inmediata” para Ferrol e para a industria galega.