O Portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, denunciou hoxe a xestión “caótica” das probas de coronavirus por parte da Xunta. O responsable socialista presentou unha interpelación para reclamarlle á Xunta que explique o criterio para impedir que os médicos de Atención Primaria pidan PCR dos contactos estreitos dos positivos, cando son “profesionais perfectamente cualificados para solicitar as probas”.
O responsable socialista lamentou a incapacidade da Xunta de explicar o criterio que, dixo, “semella que tiran un dado e se sae par fan a proba e se sae impar non a fan, porque o único que fai o goberno é indignarse cando lle preguntan, pero non responde”. Puxo en cuestión que o propio Comité Clínico validara esta decisión contestada polos colexios médicos e os propios sanitarios que teñen confirmado que si seguirán encargando as probas.
Torrado reclamou unha “xestión coherente” das PCR, e preguntou “por que en Galicia fan hoxe a metade de PCR que fai menos de un mes”, nunha tendencia a reducir o total de probas xusto “cando tódolos gobernos autonómicos están aumentando as probas por unha maior capacidade e pola súa efectividade para frear a expansión”. Criticou que o presidente da Xunta “presumía moito cando se facían PCR e agora moléstase cando preguntamos pola súa redución”.
Acusou ao goberno galego de “utilizar as PCR para poder contar un relato, e a ver se poden dedicarse a resolver o problema máis que pensar en como o contan”. Aludiu así aos continuos problemas con estas probas, que “hai persoas que reciben unha notificación negativa de probas que no fixeron, e outras fan as probas pero non saben o resultado” cando o necesitan para volver ao seu traballo.
Lembrou a xestión do goberno galego das citacións para facer as probas, chegando a difundir que os estudantes non asistían aos cribados, “pero lles pediron ás universidades un cribado masivo e resultou que o índice era clarisimamente menor”. Os resultados estiveron de feito “moi por debaixo da segunda onda do estudo serolóxico da Xunta, que se é certo o que din temos a peor ratio de falecidos por contaxiados de toda Europa” con un falecido por cada 50 contaxios.
Finalmente, logo de que a Xunta advertira da escasa asistencia aos cribados organizados polo goberno galego, advertiu de que os SMS de citación “non din para que é”, e engadiu que “non é tan custoso dicirlle a alguén para que o están citando”, coa dificultade engadida de “identificar se ten unha orixe fiable ou non”.