A portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Begoña Rodríguez Rumbo, reclamou hoxe a fiscalización da eficiencia das medidas tomadas nas residencias de maiores adscritas á Consellería de Política Social. Rodríguez Rumbo interveu no debate no Pleno do Parlamento da Memoria de Actividades do Consello de Contas de 2018, que inclúe a conta xeral da Comunidade Autónoma de 2017.
A responsable socialista presentou hoxe as 30 recomendacións do Grupo Socialista á Memoria anual de actividades correspondente ao exercicio 2018, que foron rexeitadas na práctica totalidade, agás catro Recomendacións presentadas polos socialistas e que foron incorporadas no debate anterior en Comisión, incluíndo a petición de fiscalizar o destino dos fondos covid para sanidade e educación, e unha resolución á conta xeral.
Rodríguez Rumbo criticou que o PP teña vetado a maioría das propostas do Grupo Socialista, que incluían a fiscalización do “reparto sectario de fondos ás corporacións municipais”, así como os custes das competencias impropias derivadas pola Xunta sobre os concellos sen incluír fondos adicionais. Tamén pedía a fiscalización da fusión dos concellos de Cercedo e Cotobade, a evolución da débeda pública ou da CRTVG.
Transparencia
Rodríguez Rumbo denunciou a “falla de transparencia e rigor orzamentario” por parte do goberno galego, amparado polo “rodillo” do PP nas resolucións presentadas ao informe de fiscalización da conta xeral da Comunidade Autónoma do exercicio 2017, que tamén foi debatido hoxe. Así, o PP negouse a apoiar as propostas socialistas para conceder un maior control orzamentario, mentres a Xunta “incumpre sistematicamente as recomendacións do ente” neste sentido.
Así, sinalou, o voto do PP impediu aprobar tódalas propostas para que a Xunta inclúa un novo plan de contabilidade pública de acordo cunha normativa que leva incumprindo dende 2010. Tampouco deixou iniciar a implantación da rendición telemática da conta xeral, así como a revisión profunda da memoria da conta xeral, ou coñecer a execución dos beneficios fiscais ou o volume de endebedamento.
Si que foi aprobada sen embargo unha transacción sobre unha proposta de resolución do Grupo Socialista para que a Xunta reforce as medidas de coordinación coas entidades locais para incrementar a súa participación no financiamento de proxectos no marco comunitario, co obxectivo de apoiar aos concellos pequenos limitados pola falla de medios materiais ou humanos.