O Grupo Popular rexeitou este mércores cos seus votos a posta en marcha dun Acordo Marco para o Turismo que contemplase un plan de choque con axudas directas ao sector. A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, lamentou o bloqueo dos populares a unha iniciativa socialista que defendía “algo tan básico coma que este sector fora considerado prioritario de xeito que se artellasen axudas directas para paliar a crise”.
Tras o bloqueo popular, Gallego lamentou “o desleixo da Xunta cun sector que o está a pasar moi mal”, ao tempo en que garantiu que o PSdeG seguirá reclamando a necesidade de establecer un plan turístico para “un dos sectores máis golpeados pola pandemia da covid”. Neste sentido, a parlamentaria socialista criticou “o fracaso” do Plan de Reactivación aprobado polo goberno galego na pandemia, un plan conxunto que contemplaba axudas por valor de 60 millóns de euros a repartir entre cultura e turismo e que segundo Gallego “está superado, resulta insuficiente e carece de contido á altura dos retos do sector”.
A voceira de Turismo quixo lembrar o peso do Turismo na comunidade, unha industria que representa o 12,3 por cento do PIB galego, e en 2019 xerou 123.000 empregos, e rexistra 314 millóns só en ingresos hoteleiros. Neste eido, Gallego explicou que con esta iniciativa “o PSdeG quere garantir un sistema de protección do turismo en cuestións laborais, económicas, sociais e ambientais”.
Finalmente, a deputada lamentou “a falta de concreción e a política reducida a anuncios” do goberno galego en materia de turismo ao tempo que urxiu á Consellería de Turismo a “promover e consensuar co sector as accións necesarias para a recuperación da actividade e garantir a supervivencia das empresas e o mantemento do emprego”.