A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, defendeu no Pleno do Parlamento unha proposición non de lei para reclamar ao goberno galego un Acordo Marco para o turismo de xeito que “este sector sexa considerado prioritario e conte con axudas directas”. A responsable socialista urxiu á Xunta a poñerse de acordo con concellos, axentes sociais, sindicatos e asociacións empresariais para recuperar o carácter “estratéxico” do sector.
Gallego reclamou a necesidade de establecer un plan turístico para “un dos sectores máis golpeados pola pandemia da covid” ao tempo que denunciou a “ausencia” na Xunta dunha liña de acción para a súa reactivación. Neste sentido, a parlamentaria socialista criticou “o fracaso” do Plan de Reactivación aprobado polo goberno galego na pandemia, un plan conxunto que contemplaba axudas por valor de 60 millóns de euros a repartir entre cultura e turismo e que segundo Gallego “está superado, resulta insuficiente e carece de contido á altura dos retos do sector”.
A voceira de Turismo quixo lembrar o peso do Turismo na comunidade, unha industria que representa o 12,3 por cento do PIB galego, e en 2019 xerou 123.000 empregos, e rexistra 314 millóns só en ingresos hoteleiros. Neste eido, Gallego explicou que con esta iniciativa “o PSdeG quere garantir un sistema de protección do turismo en cuestións laborais, económicas, sociais e ambientais”.
Finalmente, a deputada lamentou “a falta de concreción e a política reducida a anuncios” do goberno galego en materia de turismo ao tempo que urxiu á Consellería de Turismo a “promover e consensuar co sector as accións necesarias para a recuperación da actividade e garantir a supervivencia das empresas e o mantemento do emprego”.