O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, esixiu este martes a comparecencia “urxente” de Feijóo para aclarar o seu papel na fusión das extintas caixas galegas á vista do auto da Audiencia Nacional que sinala que Caixanova foi “obrigada” a unirse con Caixa Galicia.
“Feijóo ten que dar a cara de inmediato”, recalcou Arangüena, quen fixo fincapé en que o contido desa resolución xudicial “desminte por completo” a información facilitada por Feijóo sobre a fusión das caixas galegas dende o inicio do proceso.
En concreto, recordou que Feijóo xustificou esta operación financeira nun informe de KPMG que a avalaba; un documento que Feijóo “nunca fixo público na súa totalidade” e do que posteriormente a propia consultora desmentiu que aconsellase a fusión.
Ademais, o tamén vicevoceiro socialista no Parlamento galego sinalou que o auto da Audiencia Nacional refire que o FROB tivo que intervir Novacaixagalicia, a entidade resultante da fusión, a causa da situación económico-financeira en que se atopaba Caixa Galicia.
“O rescate da entidade custou 9.000 millóns de euros de recursos públicos, e foi vendida por 1.000 millóns de euros. Polo camiño quedaron 8.000 millóns, o 75% do orzamento da Xunta nun ano”, incidiu, ao tempo que recordou que as caixas “eran patrimonio de todos os galegos”.
Arangüena cualifica o auto de “moi grave” e lembra que foi a Xunta a que impulsou unha fusión avalada “nun informe de KPMG que Feijóo nunca fixo público”