O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para urxirlle á Xunta a “utilizar tódolos instrumentos legais para paralizar a poxa” da empresa de Porriño Muebles Iglesias. Seco esíxelle ao goberno galego que busque novos investidores e active os mecanismos de axuda para evitar o peche dunha empresa que da traballo a 150 traballadoras.
O responsable socialista reclámalle ao goberno galego que “utilice tódolos seus recursos e competencias en materia industrial para intervir nesta situación” e apoiar a unha plantilla de traballadoras pendentes da “conta atrás” ata a poxa despois de “unha década de problemas financeiros”. Lembra que “pese a que o Comité de Empresa solicitou en numerosas ocasións a implicación da Xunta, non obtiveron nada”.
Martín Seco sinala que no mesmo ano 2019 o goberno galego comprometérase a buscar solucións, e hai menos dun mes recolleron o seu compromiso de se sentar co comité de empresa para “buscar solucións de continuidade”, se ben “non saben nada do dito compromiso ante o inminente desenlace que esperan”.
Sinala que “a inquedanza entre os traballadores é total polo inminente anuncio da poxa do inmoble da fábrica como consecuencia dunha resolución do Xulgado nº 3 do Porriño, segundo sentenza do pasado mes de agosto”. Os traballadores mesmo temen que o inmoble, valorado en 28 millóns de euros, sexa vendido por unha cantidade inferior con miras ao negocio inmobiliario2.
O parlamentario socialista lembra que esta empresa é “referencia na fabricación de solos de madeira, parqué e tarima flotante”, ten 80 anos de historia e “no seu mellor momento chegou a ter máis de 800 persoas no cadro de persoal e fabricar para o mercado español e exportar ao mercado internacional”.