A deputada socialista, Isaura Abelairas, demandou este luns á Valedora do Pobo “continuar e con contundencia” as investigacións sobre residencias de maiores paralizadas coa declaración do Estado de Alarma pola covid. Neste contexto, Abelairas lamentou que a pandemia paralizase unha investigación iniciada no 2019 na residencia de maiores DomusVi de Barreiro, en Vigo, sobre o trato aos usuarios.
No transcurso do pleno no Parlamento galego no que se deu conta do informe da Valedoría do Pobo do 2019, Isaura Abelairas lembrou que en concreto, a investigación analizaba “o abuso denunciado por familias dos sistemas de suxeicións dos maiores ás camas”, unha práctica que segundo advertiu a parlamentaria “vén sendo habitual nas residencias de DomusVi pola falta de persoal e na que debemos poñer toda a nosa atención”.
A parlamentaria socialista, salientou o feito de “que unha vez máis” as principais queixas recollidas no informe da Valedoría derivaron “dos problemas que as galegas e galegos atopan na sanidade e nos servizos sociais”, uns servizos que segundo denunciou Abelairas veñen sufrindo por parte do goberno popular “a privatización e o desmantelamento”.
A deputada lembrou que “aínda que este informe fala de 2019, ano no que ninguén auguraba o que estaba por vir”, moitos dos asuntos que o protagonizan “cobran sen dúbida na actualidade máis valor aínda”. En concreto, a deputada recolleu a parte do informe no que se reflicte que “unha das principais fontes de queixas no plano laboral chegan do persoal do Servicio Galego de Saúde pola súa precariedade e eventualidade”.
Neste sentido, a parlamentaria manifestou que “o novo conselleiro debe atender dunha vez por todas” pola “conciliación e a estabilidade das e dos profesionais do SERGAS”, e pola “calidade do servizo que reciben as galegas e galegos” estas demandas.
HAZTE OÍR
Por outra banda, Isaura Abelairas salientou a queixa colectiva presentada na Valedoría sobre o reparto por parte da asociación “ultradereitista Hazte Oír” duns folletos que atentaban contra a realidade LGTBI no eido da educación. Neste sentido, censurou que as queixas sobre este asunto “non puideron ser concluídas a tempo pola Valedora pola falla de resposta durante meses” da Consellería de Educación.
A deputada cualificou de “inadmisible esta actitude por parte da Consellería tratándose dun asunto tan vital, que atenta contra os dereitos das persoas LGTBI”.