O secretario xeral destaca “a inversión histórica” das fragatas e aposta pola “diversificación” a través da incorporación da eólica mariña e o desenvolvemento do estaleiro 4.0
Fene (A Coruña), 2 de outubro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza co comité de empresa de Navantia en Fene na que se comprometeu a “potenciar” a industria naval galega.
“O naval é fundamental para Galicia e ten que ser unha das prioridades”, remarcou, nunha reunión na que tamén participaron o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, os concelleiros Julián Reina e Antonio Golpe, os deputados no Congreso Montse García e Diego Taibo, o senador Antonio Vázquez e o deputado autonómico Martín Seco.
Nesa liña de “aposta” polo naval dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero destacou a construción das fragatas F-110 como “unha inversión histórica” de 4.325 millóns de euros, na medida en que suporá a xeración de 7.000 postos de traballo nunha década.
Con todo, o líder do PSdeG avogou por trasladar á nova presidenta de Navantia a necesidade de “seguir traballando en liñas de diversificación” desta industria a través do desenvolvemento do estaleiro 4.0 ou da incorporación da eólica mariña. “Hai que seguir avanzando”, recalcou, co “compromiso firme” de dotar de carga de traballo a Navantia en Ferrolterra.
“Temos que poñer dende xa todas as posibilidades do estaleiro en acción e o emprego en activo”, enfatizou Gonzalo Caballero, quen garantiu que “os e as socialistas galegos imos colaborar fielmente” para promover a actividade industrial no naval de Ferrolterra e os postos de traballo.
COMPROMISO DA XUNTA
En paralelo, o máximo dirixente do PSdeG urxiu á Xunta a desenvolver as súas competencias en materia industrial para “colaborar” co sector naval galego, con accións como o desenvolvemento do polo tecnolóxico ou do clúster das auxiliares.
Ademais, explicou que os fondos comunitarios que virán para a reactivación económica tralo paso da covid suporán “unha oportunidade” tamén para Galicia, polo que reclamou que a Xunta “faga os deberes” presentando proxectos “competitivos” que poidan ser destino deses cartos procedentes da UE.