A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle hoxe á Xunta “menos promesas de papel e máis axudas económicas reais” para o Xacobeo 21. Gallego presentou unha pregunta oral en Comisión na que acusou ao goberno galego de “non ter feito os deberes en todo o ano e agora chega o día do exame e non están preparados”.
A responsable socialista esixiu un “maior control democrático” e un “exhaustivo seguimento sobre as actividades, orzamentos e melloras” previstos para o Xacobeo que comezará en tres meses. Lamentou que máis alá do slogan do presidente da Xunta a prol de “reformular o Xacobeo”, a realidade é que “a información que trasladan non está suficiente detallada, e carece de orzamentos e accións previstas para concellos e provincias”.
Gallego criticou que o goberno galego ofreza “anuncios sen nada concreto”, e sinalou que “o que necesita o turismo en Galicia son políticas activas no sector con máis orzamentos”. Advertiu que “xa non sabemos que foi do Plan Estratéxico do Turismo de Galicia 2020 e xa nos están a anunciar outro Plan Estratéxico”, e pediu “por favor, menos plans no papel e máis axudas económicas reais para todo o sector turístico, que o que necesita é máis inversión”.
Intranquilidade
Sinalou que “anuncios e anuncios sen nada concreto” deixa “intranquilo ao sector turístico, que descoñece os plans dun goberno galego” sen traza de políticas activas para o sector con máis orzamentos. Leticia Gallego reivindicou “un pouco de rigor e seriedade, que estamos a falar de miles de postos de traballo, por favor”.
Puxo como exemplo a falla de investimento en sinalización, a desestacionalización da oferta ou a innovación no turismo, así como nos albergues, que “necesitan de investimentos significativos e melloras nas súas instalacións” para paliar o deterioro de moitos anos en funcionamento e garantan a accesibilidade e “non discriminar a persoas de mobilidade reducida”.
A responsable socialista rematou a súa intervención apuntando que “Galicia ten un gran potencial turístico, e temos que traballar por un turismo para todos e para todas, unha oferta de calidade e que o noso país se converta nun gran destino turístico, e para iso hai que investir, ter máis orzamento e axudar con solucións concretas”.