O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, vén de presentar no Parlamento unha serie de iniciativas parlamentarias nas que denuncia a “errática actuación” da Consellería de Educación neste inicio de curso. Esta levou a aprazar sine die as probas de certificación libres das escolas oficiais de idiomas e que afectaría ás linguas galega e inglesa.
Álvarez pregunta polos “motivos reais” para decidir este aprazamento, xa que “o argumento esgrimido que relaciona a falta de profesorado no inicio de curso non se sostén”. Álvarez explica que a subdirección xeral de Aprendizaxe Permanente e de Ensinanzas de Réxime Especial informou da imposibilidade de dotar ás escolas oficiais de idiomas co profesorado necesario para xestionar as probas polo aprazamento do inicio de curso e a adxudicación de vacantes.
O parlamentario socialista explica que “houbo unha adxudicación definitiva” de destinos para este curso tamén para os profesores de escolas oficiais de idiomas do 18 de setembro, despois de terse acordado o aprazamento do inicio do curso”, o que desminte que se trate dun problema puntual derivado do dito retraso.
Ademais, esta decisión afecta ás linguas galega e inglesa, que non se corresponden con ningunha das 6 vacantes que quedaron sen adxudicar nas escolas oficiais de idiomas, que son italiano, francés, alemán e español, co que a xustificación en base a problemas na adxudicación de vacantes “cae polo seu propio peso”.