O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, anunciou hoxe que o líder socialista, Gonzalo Caballero, centrará a sesión de control ao presidente da Xunta do próximo Pleno na situación institucional de Ourense. Arangüena presentou hoxe as iniciativas que levarán os socialistas á próxima sesión plenaria, que incluirán as xestións da Xunta con relación á negativa de Alcoa a vender a factoría de San Cibrao.
Arangüena explicou que o presidente da Xunta terá que explicar as súas previsións para evitar que a situación de desgoberno e “baleirado de poder” en Ourense transcendan á xestión da pandemia de coronavirus. Lembrou que a situación, que cualificou de “esperpéntica” e de “desvarío institucional”, deriva do acordo de Feijóo para poñer na alcaldía a quen cualificaba de “letal para Ourense” a cambio do apoio a Baltar na Deputación.
O PSdeG levará ademais ao Pleno da próxima semana unha pregunta oral sobre as actuacións previstas pola Xunta ante a decisión de Alcoa de impedir a venta da planta de San Cibrao,e logo de que Xunta e goberno de España traballaran “man a man para tratar que a empresa reconsidere o peche”. A iniciativa sinala que a decisión da empresa “é unha proba da mala fe na actuación da multinacional, que opta polo peche e a perda de centos de empregos directos”.
A sesión da próxima semana incluirá, unha interpelación específica sobre a política do goberno galego con relación aos incendios forestais, logo de dous anos consecutivos nos que seguen sen levarse á práctica as medidas previstas nas conclusións da Comisión de Expertos que analizou a vaga de incendios de outono de 2017.
Tamén debaterán a interpelación aprazada do Pleno anterior sobre a aplicación de medidas preventivas fronte á pandemia na posta en marcha do curso escolar, así como unha proposición non de Lei para reclamar un plan de choque para o sector turístico e unha interpelación sobre a falla de política de reactivación para o sector cultural.
O Grupo socialista tamén presentará unha pregunta sobre a opacidade demostrada pola Xunta na xestión do impacto da covid-19, por canto “seguimos sen saber o número real de rastrexadores” cos que conta Galicia logo de que o conselleiro de Sanidade demostrara, a semana pasada, que os máis de 6.000 que anunciara Feijóo en campaña electoral era un número “disparatado e mesmo esotérico”.
Tamén presentarán unha proposición non de Lei para recoñecer a intervención das administracións “lideradas polo goberno do Estado” que derivaron na “sentencia histórica” para recuperar o Pazo de Meirás para titularidade pública.
Centro Tecnolóxico da Carne
Pablo Arangüena anunciou tamén que o Grupo Socialista levará a debate no Parlamento unha serie de iniciativas logo da situación do Centro Tecnolóxico da Carne –CTC- de San Cibrao das Viñas. Apuntou así á situación do ente logo de que a cúpula do organismo fora chamada a declarar por presuntos indicios de malversación, falsidade documental, prevaricación e fraude no cobro de subvencións, no contexto dunha investigación xudicial iniciada en 2017.