O viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Pablo Arangüena, reclamoulle hoxe á Xunta “as máximas garantías xurídicas e de transparencia” no “bum” eólico da Xunta, que quere pasar de 3,5 a 8,5 MW de potencia instalada nesta década. Arangüena anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para fomentar contratos – tipo e evitar a indefensión dos propietarios de terreos.
O responsable socialista mantivo un encontro cos responsables do Observatorio Eólico de Galicia e da Fundación Juana de Vega xunto co portavoz de Industria, Martín Seco, na que analizaron os riscos do proceso iniciado polo goberno galego. Arangüena reclamou publicidade e garantías para un sistema deseñado ad hoc para beneficiar a fondos buitre e grupos empresariais afíns ao PP.
Esixiu os “mecanismos legais necesarios para que o bum da enerxía eólica, que é o petróleo de Galicia, beneficie ao conxunto da nosa sociedade e non a uns poucos empresarios no que pode ser o maior pelotazo da historia de Galicia”. Anunciou unha serie de iniciativas parlamentarias para “democratizar” este novo desenvolvemento eólico de Galicia, establecendo contratos – tipo incluídos no programa electoral do PSdeG para evitar a indefensión dos propietarios.
Urxiu a “reconducir a situación” fronte a un goberno galego instalado na “opacidade total” que quere “seguir a senda perpetrada no seu día nas concesións das minicentrais hidroeléctricas” beneficiando a “uns poucos afíns”.
Os socialistas amosáronse “a favor da enerxía eólica, pero respectando a normativa, mitigando o impacto social e medioambiental e democratizando os beneficios xerados pola industria eólica”, e aproveitando esta oportunidade para impulsar o reequilibrio territorial a favor da Galicia baleirada.