O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, sinalou que a “falla de proactividade e de compromiso” da Xunta no exercicio das súas competencias provocou un inicio caótico do curso escolar, sinaladamente en secundaria e FP. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación celebrada hoxe sobre a disparidade nas cifras de profesorado que anuncia o goberno galego.
Álvarez apuntou a “erros de planificación” palmarios do goberno galego, que “asume que a responsabilidade é do goberno de España cando as comunidades autónomas teñen competencias plenas”, entre elas a planificación do inicio do curso. Preguntou se “temos goberno competente en materia educativa” ou, engadiu, “vai ter que vir o Ministerio a organizar os centros coma se isto fora Ceuta ou Melilla”.
O responsable socialista puntualizou “que estou no certo o proba a renovación da totalidade da cúpula da Consellería”, que non se tería dado, dixo, de ter preparado o inicio do curso “con certa normalidade” dentro da situación excepcional provocada pola pandemia. Apuntou que “outras autonomías foron capaces de ter organizado o curso”, sen que houbera “unha planificación oculta, senón consensuada co profesorado, as familias e as organizacións sindicais”.
Sen embargo, en Galicia “o que houbo foi a presentación da versión beta do protocolo 3 días despois das eleccións”, e “ata entón non se publicou nada, e daqueles polvos estes lodos”. Desbotou o argumento da Xunta sobre os cambios do Ministerio cando “outras autonomías si que foron quen de pechar un protocolo que non tiveron que modificar, algunhas delas contemplando distintos escenarios previstos que acaban de ser incorporados”.
Profesorado
Álvarez denunciou o escurantismo do goberno galego á hora de facer públicas as súas previsións sobre a contratación de profesorado, provocando un “totum revolutum a ver se a opinión pública conclúe que a Xunta aposta por ter profesorado suficiente”. Lembrou que a primeira cifra, que ascendía a 1.000 novos docentes para secundaria a 21 de agosto, non explicaba que incluía os 240 mestres xa previstos e outros 543 correspondentes ao programa Arco.
Isto supuña un incremento real do profesorado de secundaria de 217 docentes, ata que onte a web de Educación publicaba que “van ser preto de 2.000 docentes”, que cifraba nun incremento do 6,2 por cento cando pasaban de preto de 1.000 a preto de 2.000, practicamente o dobre. Estas cifras, dixo, son “incoherentes coas declaracións do presidente da Xunta mezclando o profesorado cos comedores e transportes.