O líder do PSdeG recorda o “plante total” dos equipos directivos dos centros porque “deixaron sola á comunidade educativa” e urxe a contratación de docentes tras seis meses nos que “a Xunta non fixo o seu traballo”
Santiago, 23 de setembro de 2020. O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, centrou hoxe a súa pregunta a Feijóo na volta ao cole á vista da “falta de xestión” do goberno galego. “Rectifique”, esixiulle, porque “a falla de previsión e organización” da Xunta neste inicio do curso “non ten parangón” no contexto estatal.
“Só é equiparable a Madrid”, proseguiu o líder socialista, tras sinalar que só un día despois de que Feijóo falara -o 10 de setembro- de “normalidade” no novo curso escolar houbo que aprazar as clases en Secundaria, Bacharelato e FP ata esta mesma semana a raíz do “plante total” dos equipos directivos dos centros.
Neste escenario, Gonzalo Caballero preguntou “que fixo a Xunta nos seis meses que tivo para organizar o curso” dende que se decretou o estado de alarma. “Non fixeron o seu traballo”, sentenciou. De feito, relatou como neste tempo o goberno galego “desprezou o diálogo e o consenso” coa comunidade educativa e negouse a reforzar os cadros docentes.
Mentres outras comunidades, como a valenciana, deseñaban protocolos con distintos escenarios de evolución da pandemia e ampliaban a contratación de profesores, incidiu o voceiro do PSdeG na Cámara, a estratexia da Xunta foi a do “abandono” da comunidade educativa e a da “improvisación continua”.
Proba diso é, sinalou Gonzalo Caballero, o feito de que o comité de expertos neste eido aínda se reuniu por primeira vez esta semana, co curso empezado; os constantes anuncios de contratación de docentes, que empezaron en 200, pasaron a ser 800 e finalmente se prometeron 1.800 pero aínda non se materializaron; ou os cambios nos protocolos.
“MALA XESTIÓN”
“Rectifique a súa mala xestión e póñase a carón dos pais e nais e da comunidade educativa”, instou a Feijóo, consciente de que “as cousas son complexas” pero o son aínda máis cando “non se fai nada” para afrontalas.
Ao fío diso, Gonzalo Caballero preguntou ao “en que se gastaron” os 93 millóns de euros do fondo covid disposto polo goberno de España e que Feijóo rexeitara que tivesen que ser destinados á mellora do sistema educativo.
“O fracaso da Xunta queda de manifesto no relevo da cúpula da Consellería de Educación”, evidenciou o líder socialista, quen reprobou que Feijóo optara por “encastelarse” no canto de traballar man a man coa comunidade educativa.
“Afronte o futuro cun novo estilo: con diálogo e cooperación”, remachou Gonzalo Caballero, dende o convencemento de que é momento de “apostar por unha educación pública e de calidade” para o alumnado galego neste inicio do curso.