O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, acusou hoxe ao PP de “facerlle o traballo sucio a unha empresa tan irresponsable como Alcoa”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei do PP no Pleno do Parlamento que os socialistas apoiaron “a pesares de estar completamente errada no tempo” para reivindicar unha “fronte común co Goberno do Estado” a favor dos traballadores da Mariña e do veto do PP á emenda socialista para apoiar á industria da Mariña.
O responsable socialista advertiu que a proposta do PP pedindo un prezo eléctrico competitivo a menos dunha semana de que finalice o prazo para a venta “é darlle escusas a Alcoa como se o prezo da enerxía fose a causa do peche logo de que dixeran que non continuarían aínda que fose gratis”. A proposta tamén alude, sinalou, a “fondos europeos que aínda non están desenvolvidos e que aínda non sabemos onde e como se poden aplicar”.
Seco criticou que “o PP está buscando desculpas e non solucións aos problemas dos traballadores da fábrica da Mariña”, para os que esixiu que “basta xa de ocorrencias e de discursos baleiros” que o único que fan é “darlles escusas a aqueles que queren deixar a produción e impedir que outros reanuden a actividade en San Cibrao”.
Criticou o “estraño nacionalismo de oportunidade” de Feijóo, que se presenta como “defensor a ultranza do noso país” logo de permanecer “calado” mentres o goberno do PP en Madrid estaba 6 anos, entre 2012 e 2018 sen fixar o marco regulatorio para as electrointensivas. Criticou que queiran “sacar peito” cando “o actual goberno ultima o Estatuto das Electrointensivas en apenas dous anos en minoría, con procesos electorais polo medio e co bloqueo do PP aos orzamentos”.
Emenda
O responsable socialista presentou unha emenda á proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que siga traballando na Mesa Multilateral liderada polo Ministerio de industria “para acadar resultados no proceso de venta da factoría de Alcoa en San Cibrao a un novo investidor que garanta a continuidade da actividade e os actuais postos de traballo na planta da Mariña”, que foi rexeitada polo PP
Seco lamentou o veto do PP á emenda socialista que tamén incluía “desenvolver as súas competencias en materia industrial establecidas no Estatuto de Autonomía de Galicia, elaborando un plan industrial para a Mariña de Lugo”. Os socialistas reclamaron tamén un apoio decidido da Xunta para “consolidar a actividade industrial, fomentar a aparición de proxectos emprendedores e atraian a novas empresas a dito territorio.
Criticou a falla de política industrial dos gobernos do PP á fronte da Xunta de Galicia, que provocaron que “a industria en Galicia esmoreza”, perdendo 23.000 postos de traballo dende 2009, provocando a caída do Índice de Produción Industrial un 2,5 por cento na pasada Lexislatura na que en España caeu o 0,4 por cento, e o emprego industrial galego pasou do 7,1 ao 6,6 por cento do conxunto do Estado entre 2009 e 2019.
Responsabilidade de Feijóo
O responsable socialista enumerou só parte das empresas que teñen caído en Galicia baixo a responsabilidade de Feijóo, e que “contradín a súa política de propaganda nos medios que pagamos tódolos galegos”. Lembrou así R, Vulcano, Alcoa, Isowat, Alfageme, Barreras, Poligal, Perfialsa, Caramelo, Conservas Cuca, Pescanova, ou Emesa Trefilería.
Sinalou que Galicia “necesita de políticas que fagan posible a implantación de novas empresas e a continuidade das actuais, ou do contrario o único que quedará no recordo do goberno de Feijóo en materia industrial será o anuncio de 20 buques para Barreras e a base loxística de Punta Langosteira da empresa Pemex”. Puntualizou que “daquelas promesas nunca máis soubemos, excepto dos directivos que acompañaban a Feijóo daquela e que están imputados por corrupción”.