O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, urxiu hoxe a Feijóo a que “levante o veto” que impuxo sobre a comisión de investigación relativa aos contaxios masivos nas residencias de maiores durante a primeira vaga da covid.
“Temos que protexer aos máis de 20.000 persoas maiores que están nestes centros”, sinalou Gonzalo Caballero, quen explicou que a iniciativa que o PSdeG leva ao pleno neste sentido ten carácter “constructivo e propositivo”, enfocada á posta en marcha de medidas de protección e prevención.
Precisamente por iso, nun momento no que “vemos que a situación das residencias segue sendo preocupante”, con contaxios masivos nos xeriátricos do Incio e Outeiro de Rei, así como o máis recente de Culleredo, o líder do PSdeG incidiu na importancia de sacar adiante esta comisión. “Porque os mecanismos de protección aínda son insuficientes”, argumentou.
“Quedan 24 horas para o primeiro pleno da lexislatura, que o PP mude a súa posición e facilite a investigación”, recalcou Gonzalo Caballero, para apelar á construción de “grandes consensos” en torno ao modelo de atención aos nosos maiores.
VOLTA AO COLE
Ademais, o secretario xeral deu conta de que o PSdeG levará á sesión plenaria diversas iniciativas sobre a xestión sanitaria da covid, sobre a necesidade de apoiar ao tecido produtivo de Galicia ante esta crise e tamén sobre a volta ás aulas.
Tras indicar que a interpelación ao conselleiro do ramo non poderá substanciarse debido á súa situación de corentena, Gonzalo Caballero profundou na “preocupación” existente nas familias e na comunidade educativa porque a Xunta “non fixo o seu traballo”.
Proba diso, esgrimiu, é o feito de que a única decisión relevante da Xunta de cara ao inicio do curso foi o cambio de conselleiro. Exemplificou a “inacción” e a “improvisación” da Xunta en que o comité de expertos para asesorar neste eido bota hoxe a andar, 10 días despois da volta ao cole.
“A Xunta está sen rumbo en materia educativa”, evidenciou o máximo dirixente do PSdeG, quen engadiu como unha nova proba do “suspenso” do goberno galego nesta materia é “a cadea de promesas de contratación de docentes” feita polo propio Feijóo. “Primeiro anunciou 250, despois 1.000 e agora 1.800, logo de dicir que non tiña capacidade orzamentaria para facelo”, recordou do debate de investidura.