O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta axudas directas a persoas autónomas para superar a “situación dramática” derivada da pandemia. O responsable socialista advertiu que “os autónomos demandan medidas urxente, e non teñen tempo de que debatamos a súa situación no futuro”.
Francisco reclamou en van o apoio do goberno galego aos 203.000 traballadores autónomos rexistrados en Galicia, incluíndo aos vendedores ambulantes presentes en festexos e romarías e ligados ao ocio nocturno, dixo, “dos que ninguén se acorda”, así como ao sector cultural que onte trasladou a súa situación con protestas en todo o Estado.
Lembrou que este sector, abocado ao “caos” polo impacto da pandemia, abrangue ao 20 por cento dos traballadores de Galicia, o 30 por cento dos cales permanecen inactivos, e o 60 por cento baixaron a facturación de forma dramática. Reclamoulle así á Xunta que siga a liña do Estado, que “ten reaccionado de modo contundente” aprobando prestacións por cese de actividade ou caída de ingresos a 87.740 autónomos en Galicia.
Sinalou que a Xunta “ten capacidade orzamentaria para establecer axudas directas aos autónomos, e non limitarse a facer medidas sen profundidade suficiente para incidir no mantemento da actividade económica, como demandan estes traballadores por conta propia”.
Risga
O PP rexeitou hoxe esta proposta, que incluía tamén o reforzo orzamentario da Risga e das axudas sociais de emerxencia, logo de que o parlamentario socialista instara ao grupo do PP a “facer un xesto lexislativo e modificar a lei” para permitir compatibilizar esta axuda autonómica co Ingreso Mínimo Vital que vén de ser aprobado polo Estado.
Juan Carlos Francisco lembrou que de acordo co informe elaborado por Foesa, Galicia ten 470.000 persoas en risco de exclusión, e hai en torno a 40.000 beneficiarios potenciais do Ingreso Mínimo Vital, o que supón unha “demanda importante” de persoas que necesitan apoio diante do agravamento da crise.