A viceportavoz do Grupo Socialista Paloma Castro vén de denunciar no Parlamento o peche por parte da Xunta dunha das dúas aulas de 4º curso de Educación Infantil do CEIP Barcelos, de Pontevedra. Castro advirte de que a intención do goberno galego vai en contra de tódalas recomendacións e protocolos da OMS e das autoridades sanitarias para o ensino na pandemia, que recomendan grupos estables e reducidos de alumnos.
Castro presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que manteña as dúas aulas de cuarto de Infantil no dito centro, tal e como estivera implantada nos últimos anos. Sinala que a decisión de Educación resulta “totalmente inadecuada dadas as circunstancias sanitarias e os medios e instalacións xa existentes, precisamente cando é máis necesario que nunca manter a planificación grupal dos anos anteriores e non aumentar o rateo”.
Sinala que precisamente neste centro si que “contan coa infraestrutura necesaria para reducir a concentración de alumnos e lograr así unha maior seguridade para os nosos fillos e fillas”, especialmente no caso dos nenos e nenas pequenos, cos que “a imprudencia resulta aínda maior”.
Castro amosa a súa sorpresa pola decisión da Consellería de Educación, quen o pasado mes de xullo comunicoulle ao colexio, a través da Inspección Educativa, a intención de suprimir unha clase de infantil de 4º xustificando que había 19 alumnos matriculados, para agrupalos nunha soa aula. A realidade é que durante o verán formalizáronse 4 matrículas adicionais, co que na actualidade hai 23 alumnos e alumnas matriculados no curso.