A portavoz de Administración Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposición non de Lei presentada polos socialistas en Comisión parlamentaria para pedirlle á Xunta que garanta o financiamento necesario para que os concellos poidan facer fronte ás medidas incluídas no Protocolo de adaptación dos centros de ensino no universitario á Covid-19.
Rodríguez Rumbro resumiu que “non cuestionamos as recomendacións nin o contido do Protocolo, pero si que criticamos que cada vez que a Xunta aproba unha norma inclúe máis competencias para os concellos pero en ningún caso o financiamento necesario para facerlles fronte”.
Advertiu que a Xunta posúe a competencia plena en Educación de acordo co Estatuto de Autonomía, ademais de que o mantemento dos centros de Infantil e Primaria debe ser asumida polo goberno autonómico de acordo co Pacto Local de 2006, unha responsabilidade que o goberno de Feijóo “segue sen asumir”.
Acusou á Xunta de aproveitar que “ningún alcalde ou alcaldesa vai deixar tirados aos cidadáns” malia que “as arcas municipais son cada vez máis raquíticas” mentres o goberno galego “advirte que o impacto da covid esixe incrementos económicos, pero quere que os asuman o Estado ou os concellos”. Reclamoulle á Xunta que atenda ás conclusións da reunión das grandes cidades e as deputacións co presidente da Fegamp para pedirlle á Xunta que asumira estes custes.
Considera “insultante que o goberno galego estea máis preocupado de buscar culpables e de delegar competencias que de resolver problemas”, cando Galicia conta, dixo, con case 93 millóns de euros do fondo Estatal para Educación no contexto da pandemia que “aínda non sabemos que vai facer con eles”.
Xunta incompetente
Rodríguez Rumbo sinalou que “a Xunta ten a competencia –en materia educativa- pero é incompetente para exercela”, e lembrou as “solucións de última hora” tanto en infantil e primaria como co adiamento do inicio do curso en secundaria e FP” pero “volvendo a cargar sobre o goberno do Estado”. Preguntou “que fillo a Xunta máis alá de poñer paus nas rodas en cada unha das decisión do goberno de Sánchez para enmascarar a súa incompetencia na xestión da crise”.
Engadiu que a destitución dos conselleiros de Sanidade e Educación “supón o recoñecemento explícito do fracaso da Xunta na xestión da crise en materia sanitaria e educativa”, amosando a súa “incompetencia para garantir a volta segura ás aulas”. Así o evidencia que o novo responsable de Educación, lembrou, “ao mesmo tempo vira un éxito o arranque do curso e cargara contra o goberno central”.
Rodríguez Rumbo esixiulle ao presidente da Xunta que emule ao xefe do Goberno de España, que reuniu aos responsables autonómicos durante a pandemia, reunindo á súa vez aos concellos e deputacións provinciais para acordar unha estratexia conxunta dirixida a minimizar as consecuencias sanitarias e económicas da pandemia”.