O alcalde de Cedeira denuncia que os concellos están asumindo “de forma impropia” os custes da limpeza dos centros e critica non ter recibido “unha soa chamada da Xunta” dende que se decretou o estado de alarma
Cedeira, 15 de setembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, urxiu hoxe a Feijóo a “involucrarse plenamente” neste inicio do curso marcado pola covid, toda vez que están tendo que ser os propios centros educativos e os concellos os que “resolven a inacción” da Xunta.
Así o dixo Gonzalo Caballero durante unha visita a un colexio de Cedeira en compañía do alcalde, Pablo Moreda, onde fixo fincapé en que “teñen que ser os profesores e autoridades locais os que asuman as responsabilidades” porque o goberno galego “non dá solucións”.
Estamos hoxe en cedeira no inicio do curso escolar sendo conscientes das dificultades que hai en toda Galicia para poñer a funcionar os colexios os institutos os centros de FP en definitiva os retos que ten a comunidade educativa.
“A improvisación, o desleixo” caracterizan, segundo o líder socialista, a actuación da Xunta neste inicio de curso que xa se tivo que aprazar de formar “improvisada” en secundaria, bacharelato e FP. Fan falta, incidiu, “fondos” para o incremento das labores de limpeza nos centros que están asumindo os concellos, así como “protocolos” para garantir a seguridade nas escolas. “Fai falta compromiso cunha educación de calidade”, resumiu.
Neste sentido, sinalou como “Feijóo cambiou ao conselleiro, pero non tomou as decisións necesarias, e todavía agora fala de colocar mamparas nos institutos pero non fala dunha maior contratación de profesorado para baixar o rateo de alumnos por aula”. Cos 93 millóns de euros que destinou a Galicia o goberno de España, recordou, poderían terse contratado 2.000 profesores adicionais, como se fixo cos mesmos fondos en Castela A Mancha.
“A Xunta non cumpriu co inicio do curso escolar, e tiveron que ser os profesores os mestres, e tamén os alcaldes e alcaldesas, os que saísen en auxilio das situacións complicadas ante a inacción da Consellería de Educación”, remarcou Gonzalo Caballero.
VISITA A CEDEIRA
Ao fío disto, o máximo dirixente do PSdeG fixo “un recoñecemento” ao traballo e ao esforzo que se está facendo no Concello de Cedeira. “A carón da comunidade e educativa, está atendendo as necesidades dos centro e que non foron asumidas pola Xunta de Galicia”, recalcou, xunto co deputado Martín Seco; o coordinador comarcal do PSdeG en Ortegal, Marcial Blanco; o exalcalde de Cedeira José Luis Vergara e outros membros do actual goberno local que encabeza Pablo Moreda.
Pola súa banda, o propio rexedor agradeceu a visita de Gonzalo Caballero e concordou nas críticas ao “desleixo” da Xunta neste inicio do curso. “Os concellos estamos asumindo de forma impropia, por exemplo, os custes da desinfección dos centros escolares”, denunciou, antes de subliñar que “queremos que a Xunta asuma as súas competencias, as súas responsabilidades”.
“Dende o 14 de marzo, o Concello de Cedeira non recibiu unha soa chamada da Consellería de Sanidade nin da de Educación, nin do responsable territorial de Educación, para ver que preocupacións ou que necesidades tiñamos para a posta en marcha do curso”, criticou Pablo Moreda, ao tempo que indicou que, no que atinxe ao CEIP Nicolás del Río, o concello dispuxo unha persoa máis de reforzo das labores de limpeza.
“Nós non imos deixar aos nosos pequenos abandonados, imos asumir esas competencias que a Xunta en ningún momento asume”, abundou o alcalde, quen agradeceu tamén ao profesorado o traballo que está facendo nesta situación.
O secretario xeral do PSdeG aproveitou tamén a visita a Cedeira para coñecer de primeira man as necesidades dos pescadores, para o cal mantivo unha xuntanza de traballo na confraría na que tamén participou a voceira do ramo do Grupo Socialista na Cámara, Patricia Otero.