O líder do PSdeG ofrece “man tendida” a Feijóo “ao servizo das galegas e galegos” pero advirte de que ten que “rectificar” as políticas de recortes
Santiago de Compostela, 31 agosto de 2020. O voceiro do Grupo Parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxo este luns a “configuración dunha comisión parlamentaria” para a reconstrución de Galicia” na que todas as forzas políticas, administracións territoriais e os axentes sociais traballen para acadar “grandes acordos de país”. Nesta nova lexislatura, o PSdeG anuncia “unha oposición firme” na defensa dos servizos públicos e ofrece “man tendida” para “construír unha Galicia mellor”, porque segundo sinalou Caballero, “somos conscientes de que son momentos de grandes consensos e da xenerosidade mutua”.
A poucas horas do debate de investidura no Parlamento galego, o líder socialista situou como “prioridade” a necesidade de chegar a “grandes acordos” que permitan saír da actual crise con políticas “que defendan ás persoas”, e polo tanto, advertiu ao PP de que chegou o momento “de deixar os recortes nas residencias, na sanidade e na educación”.
O voceiro socialista, instou a Feijóo a que “acepte a proposta” e impulse esta comisión que permita abordar a reconstrución económica e social de Galicia, tomando como referencia a que xa se ten constituído no Congreso dos Deputados ou mesmamente noutras comunidades autónomas.
Neste escenario, Caballero trasladou a necesidade de acordar medidas que permitan “loitar contra a desigualdade da poboación máis vulnerable e facer fronte ás consecuencias dunha crise de tanta envergadura”. “Pedimos a Feijóo que as políticas para a saída desta crise sexan distintas ás que se deron tras a recesión de 2009”, engadiu o voceiro socialista, ao tempo que avanzou que o PSdeG será “a oposición firme en defensa dos servizos públicos, do estado do benestar e de que ninguén quede atrás porque somos a alternativa ás políticas de recortes, conservadoras e neoliberais”.
“Temos que ter unha posición de país para que a loita contra a crise sanitaria, económica e social sexa a prioridade”, aseverou Caballero, de xeito que comprometeu que traballará “ao servizo das galegas e galegos” e para que o PP de Feijóo “rectifique” e acometa unha liña de traballo a prol da cidadanía.
AUSENCIA DE MEDIDAS
Ao fío disto, o voceiro socialista amosouse moi “preocupado” ante a evolución dos datos de contaxios en residencias de maiores, a indefinición do inminente inicio do curso escolar, ou a “falta de respaldo” aos concellos “que deben asumir novos retos” como o reforzo da limpeza de espazos públicos e colexios. “Hai unha ausencia de medidas significativas nestas cuestións, que son competencias da Xunta de Galicia”, lamentou.
Ante “unha recesión inaudita”, moi acentuada no sector da hostalaría, ocio, cultura, turismo, transporte, pero tamén en sectores coma a automoción e a confección, de enorme peso na economía galega, o voceiro socialista lembrou que urxen “medidas avaliables que estean a altura deste momento crítico”.
Neste eido, o voceiro do Grupo Parlamentario do PSdeG xunto os deputados Juan Carlos Francisco Rivera e Matilde Begoña Rodríguez, veñen de presentar unha proposición non de lei no Parlamento galego instando á formación desta comisión de reconstrución.