O voceiro parlamentario garante a “lealdade” do PSdeG na loita contra o virus e chama á Xunta a “exercer as súas competencias en primeira persoa” e a dotar de medios aos concellos cando os necesite
Santiago, 14 de agosto de 2020. O voceiro parlamentario do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe a Feijóo que se reúna cos partidos con representación na Cámara para facer un balance da situación da pandemia en Galicia e que convoque ao CECOP, o centro de coordinación operativa do que fan parte tanto a Xunta como a Delegación do Goberno e a Federación Galega de Municipios e Provincias.
“Feijóo comparecía todas as semanas cando non tiña as competencias, e agora que as ten nin comparece nin reúne á CECOP nin dá información”, sinalou Gonzalo Caballero, quen amosou a súa “preocupación” polos rebrotes en Galicia e en España e chamou a “traballar entre todos” para “atallar os efectos desta crise”. “É o momento dos grandes acordos”, remarcou, e garantiu a “man tendida” e a “lealdade” do PSdeG na loita contra o virus.
Consciente de que por diante vén unha lexislatura que estará marcada pola pandemia, o líder dos socialistas galegos chamou ao goberno galego a “exercer as súas competencias en primeira persoa” e a “colaborar” cos concellos, dotándoos de “medios e recursos suficientes”.
E é que, como dixo Gonzalo Caballero, as administracións locais “necesitan atención da Xunta” para tomar as medidas que lles encomenda a pesares de non ter o persoal ou a capacidade para facelo. Sobre todo, afondou, no caso dos concellos pequenos, que se ven “incapaces” en moitos casos de asumir as encomendas do goberno galego e de afrontar os gastos que delas se derivan, como ocorre no caso da limpeza das escolas.
“Todos os responsables institucionais temos que redobrar os esforzos”, incidiu o máximo dirixente do PSdeG, á vista da “alerta” en termos sanitarios, sociais e económicos que supón o coronavirus. “Todas as enerxías teñen que estar postas en dar unha resposta colectiva a esta crise”, recalcou, para subliñar a necesidade de traballar por unha saída desta crise “na que ninguén quede atrás”, defendendo os servizos públicos para loitar contra a desigualdade.
FONDOS PARA OS CONCELLOS
Ao fío das necesidades dos concellos para facer fronte á pandemia, Gonzalo Caballero respondeu a preguntas dos xornalistas sobre o acordo da Federación Española de Municipios e Provincias co Goberno de España para o uso do superávit.
Ao respecto, o secretario xeral do PSdeG sinalou que o acordo é “un paso adiante” e asegurou que “benvida sexa” calquera mellora que se poida acadar nese texto, que ten carácter voluntario para os concellos que queiran adherirse e que lles supón unha contía maior para inversións.
Por iso, rexeitou “o descaro do PP”, que agora tenta “confundir” suxerindo unha reforma da Lei Montoro, que é a que impediu aos concellos utilizar os seus remanentes. “Este goberno é un aliado dos concellos”, finalizou.