Gonzalo Caballero exercerá como voceiro, Marina Ortega ocupa a vicesecretaría da Mesa e Pablo Arangüena, Paloma Castro e Luis Álvarez serán voceiros adxuntos
Santiago, 13 de agosto de 2020. O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia estrutura as súas portavocías para “traballar por Galicia” na que ten que ser a lexislatura da reconstrución económica e social por mor da crise derivada da pandemia.
Así, Gonzalo Caballero exercerá como voceiro, acompañado por Pablo Arangüena; Paloma Castro e Luis Álvarez como voceiros adxuntos na Cámara galega.
Así, o líder dos socialistas galegos intervirá nas sesións de control ao presidente da Xunta, participará nos debates do estado da autonomía e combinará a súa labor parlamentaria con visitas ao territorio e xuntanzas cos distintos colectivos: “estaremos coa xente para impulsar a saída desta crise”.
No marco dunha tarefa de oposición “leal con Galicia e contundente na defensa do benestar dos galegos para que ninguén quede atrás”, o PSdeG prestará especial atención aos eidos social, económico e sanitario e repartirá as áreas atendendo ao perfil de cada deputado ou deputada.
REPARTO DE ÁREAS
Deste xeito, de Política Social farase cargo Marina Ortega, psicóloga de profesión e quen foi concelleira de servizos sociais no Carballiño, que actualmente exerce como vicesecretaria da Mesa do Parlamento e secretaria de Política Social do PSdeG.
Pola súa banda, o verinense Juan Carlos Francisco Rivera asumirá a área de Economía, Consumo e Facenda, xunto á de Vivenda e Ordenación do Territorio; e o arousán Julio Torrado repetirá á fronte da portavocía de Sanidade, levando tamén as cuestións relativas a marisqueo na comisión de pesca.
Compartirán espazos de traballo coa avogada laboralista Carmen Rodríguez Dacosta, que se encargará de Emprego; co enxeñeiro industrial Martín Seco, á fronte de Industria; con Paloma Castro, voceira de I+D; Leticia Gallego, responsable de Comercio e Turismo; e Patricia Otero, con Infraestruturas e Transportes.
En paralelo, o vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, farase cargo de Medio Ambiente e do relativo á Administración autonómica e á Política Exterior, mentres a avogada Paloma Castro, secretaria de Xustiza do PSdeG, asumirá Interior, Xustiza, Cooperación e Mocidade. Luis Álvarez, secretario de Educación na executiva socialista e docente de profesión, levará así mesmo a portavocía de Educación máis a de Función Pública.
O ámbito de Igualdade recae na compostelá Noa Díaz, xornalista, que tamén traballará en Cultura, Lingua e Universidade; e a viguesa Isaura Abelairas farase cargo de LGTB, Voluntariado, Cooperación e Emigración. Pola súa banda, Begoña Rodríguez Rumbo, economista, levará os Orzamentos e a área de Administración local.
Os sectores primarios terán como cabezas visibles a Martín Seco, que será voceiro de Agricultura e Forestal; a Carmen Rodríguez Dacosta, con Gandería; e á mariñá Patricia Otero á fronte de Pesca.