Luis Álvarez esixe un “marco estable, seguro e dotado dos recursos humanos e materiais necesarios”
O parlamentario autonómico Luis Álvarez reclamou hoxe a comparecencia da conselleira de Educación antes do inicio do curso escolar para dar conta das medidas de seguridade previstas para o inicio do curso. Os socialistas galegos rexistraron unha solicitude de comparecencia na Deputación Permanente presentada de forma conxunta co Grupo do BNG.
O responsable socialista esíxelle á Consellería de Educación que “deixe de espallar responsabilidades e sinalar ás demais administracións e aos centros escolares para afrontar, agora máis que nunca, a súa responsabilidade de goberno”. Reclama así un “marco estable, seguro e dotado dos recursos humanos e materiais necesarios” para o inicio do curso e tamén para os servizos complementarios de comedor e transporte.
Álvarez criticou a “xestión irresponsable e electoralista” da Administración educativa, que “provocou o rexeitamento unánime” de tódalas centrais sindicais contra un borrador de protocolo que descargaba toda a responsabilidade nos equipos directivos e no conxunto do profesorado.
Esíxelle ao goberno galego que exerza as súas competencias e garanta un “protocolo de actuación que permita que alumnos, docentes e pais poidan retornar ás aulas cun grao de seguridade razoable”.
Luis Álvarez lembrou que xa a semana pasada o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, esixiu á Xunta “consensuar” os protocolos de seguridade fronte á covid nas aulas de cara ao inicio do curso escolar, á vista do malestar xerado na comunidade educativa.
Naquela altura, o líder dos socialistas galegos advertiu á Xunta de que non podía “centrifugar as súas competencias cara os directores dos centros escolares” e de que non podía tomar decisións “a custe cero”, senón que tiña que “reforzar” o sistema educativo, dotándoo de “máis profesionais e de máis medios” para impedir que se produzan contaxios nos centros escolares de Galicia.