O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, dixo que o debate electoral de onte marca “o detonante para o cambio e a retirada dese líder esgotado da dereita rancia do PP que é Feijóo”. Así o dixo durante unha visita a Ferrol xunto co alcalde, Ángel Mato, na que apostou polo desenvolvemento industrial e a revitalización dos servizos públicos de Ferrolterra.
Caballero amosouse “moi satisfeito” do debate electoral de onte, que “amosou con claridade que en Galicia hai un proxecto cun líder esgotado no PP e un proxecto de futuro liderado polo PSdeG, que onte gañamos o debate electoral e que iniciamos a reactivación crecente da maioría social e de progreso”.
Dixo que Feijóo “perdeu o debate” cando “nin tan sequera os medios conservadores ou aliados da dereita se atreven a dicir que puido gañar”. Sinalou que Feijóo “quedou sobrepasado pola realidade dun país que quere un cambio político” e que é consciente de que “non é o mesmo que goberne o PP a que goberne o PSdeG, non é o mesmo a dereita que a esquerda”.
O candidato socialista engadiu que “o PSdeG está en condicións de liderar unha maioría de progreso e superar a un PP que non ten proxecto para Galicia e que ten un líder esgotado, amortizado e que non representa ao futuro das galegas e dos galegos”.
Gonzalo Caballero indicou que nas intervencións de onte “sentinme nun escenario no que as tres dereitas tiñan ao PSdeG no punto de mira, disparaban de forma continua coa ultradereita porque saben que somos o cambio posible, o cambio con garantías e que pode reactivar a unha maioría que lle dea a Galicia unha maioría de progreso”.
Gonzalo Caballero aproveitou a visita a Ferrol para reclamarlle ao candidato do PP que “acepte un cara a cara entre os dous principais partidos políticos do país a semana que vén”. Reclamou un novo encontro “para amosarlle aos galegos e ás galegas que o PP está superado por un PSdeG que representa á maioría de Galicia, que goberna 5 das 7 grandes cidades, 3 das 4 deputacións e máis de 100 concellos”.
INDUSTRIA EN FERROL
O candidato socialista defendeu o seu proxecto de goberno para Galicia, que inclúe un compromiso con Ferrol para traballar “a carón do goberno municipal e de España para o avance” desta cidade. Ratificou o seu compromiso co desenvolvemento industrial, así como coa VAC Costa Norte e a aposta pola sanidade pública e a solución dos problemas na educación pública.
Caballero comprometeuse hoxe a “desenvolver un proxecto de goberno cun plan de traballo pola industrialización de Ferrol, para darlle a esta cidade e a esta comarca unha posibilidade de futuro que somentes os socialistas podemos garantir”.
Mentres Feijóo “é parte do problema e non da solución”, dixo, o goberno socialista conseguiu proxectos vencellados ao desenvolvemento das fragatas que o PP agochara nos caixóns, apostou pola eólica mariña e traballa na modernización cara un estaleiro 4.0.
Ao respecto da construción de pezas para a eólica mariña, recordou “o propio Feijóo viu a poñerse na foto cando non fixo nada por Ferrolterra en 11 anos de goberno”. Sinalou que o desenvolvemento de avances concretos da eólica mariña “é compatible co compromiso claro coa transición enerxética cara fontes de enerxía renovables”.
O candidato socialista comprometeuse a “colaborar co goberno de España para potenciar a capacidade industrial” e a “potencialidade de Ferrol”. Esta, dixo, pode ser exportada a todo o mundo porque ten moi boas empresas, moita experiencia e un magnífico capital humano, unha capacidade de industria moi potente que necesita estratexia”.
“A MELLOR APOSTA”
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, apostou polo candidato socialista, que “ten unha excelente relación co goberno de España, e ten na súa cabeza Galicia enteira”. Presentouno como “a mellor aposta de todos os ferroláns e as ferrolás para reverter a despoboación, o desemprego e o eclipse industrial provocado por unha Xunta tantos anos ausente”.
Dixo que Caballero é “o único que garante o traballo conxunto de tódalas administracións imprescindible para poder ter un futuro mellor para tódolos mozos e mozas da nosa cidade”.