O candidato socialista critica o argumentario difundido polo PP sobre a covid e esixe a Feijóo que “rectifique”: “O PP tenta derrocar ao goberno de España porque non asume o resultado electoral de 2019”
O candidato do PSdeG á Presidencia do goberno galego, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe en Vigo que os socialistas “enarbolamos o liderado do cambio na Xunta para unha Galicia emprendedora fronte á agonía económica que deixa o PP”. Así o dixo na intervención nun almorzo no Círculo de Empresarios de Galicia, no que foi presentado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e ao que asistiron tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ou o delegado da Zona Franca, David Regades.
Gonzalo Caballero ofreceu hoxe “unha nova política económica e industrial cun goberno socialista á fronte da Xunta que pase páxina aos 11 anos de agonía da política económica e industrial do PP”. Un goberno presidido por un Feijóo, que, dixo, “nin xerou emprego, nin tivo capacidade de impulsar o tecido económico e produtivo e carece de folla de ruta para enfocar os retos da transición enerxética ou a dixitalización”.
O líder socialista sinalou que Galicia destruíu 70.000 empregos durante os 11 anos de Feijóo -antes da chegada da covid, que se caracterizaron polo “caos e desastre dunha política industrial inexistente”. “Quen non foi capaz de xerar emprego non ten a capacidade nin o compromiso de liderar unha Galicia con posibilidades de xerar emprego e apoiar ás empresas e aos autónomos e pemes do país”, remachou.
Fronte ao desleixo do presidente da Xunta, dixo, foron os empresarios e os traballadores os que construíron co seu esforzo “unha Galicia mellor”, mentres o goberno galego se demostraba “esgotado, carente de iniciativa nin impulso para o futuro do país”.
2.500 MILLÓNS DE EUROS
Gonzalo Caballero presentou hoxe unha “folla de ruta para para reconstruír Galiciano económico e no social da man do goberno de España, dos alcaldes e alcaldesas de Galicia e dos presidentes as deputacións provinciais”. Apostou por empregar os 2.500 millóns de euros de fondos públicos do Estado coparticipados cos privados para “mobilizar un mínimo de 3.500 millóns de euros para a reconstrución do país”.
Fronte á ausencia da Xunta, dixo, tivo que ser o goberno de España quen tomara medidas de apoio aos sectores económicos como o da automoción garantindo ao tempo a protección social. Así o fixo cando no seu día, lembrou, impulsou unha solución para o estaleiro Barreras “mentres o presidente da Xunta estaba ausente”.
Caballero ofreceu un proxecto de goberno “para o ben dos galegos e das galegas, un goberno concibido non para gobernar contra ninguén, senón a favor da cidadanía, dos traballadores e traballadoras, da man da Galicia emprendedora que representan os empresarios do noso país e que xogan un papel fundamental”.
“ESTRATEXIA INADMISIBLE”
O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, esixiulle hoxe a Feijóo que “dea un paso atrás e se desmarque” da “estratexia inadmisible” do PP de utilizar a campaña electoral para utilizar os falecidos pola covid contra o goberno de España. Así o dixo hoxe en Boiro logo de coñecer o argumentario distribuído polo PP en Galicia e Euskadi para endurecer a campaña.
Gonzalo Caballero denunciou a “falla de ética e indignidade inadmisible” do PP, utilizando ademais datos falsos para “xogar co máis grave da crise da covid, para intentar deslexitimar e derrocar ao goberno progresista de España”. Criticou esta “campaña de confrontación coa complicidade de Feijóo” que demostra que “o PP abandonou calquera tipo de responsabilidade” e que “non asume o resultado electoral de 2019”.
O secretario xeral do PSdeG advertiu que “en Galicia sabemos que case a metade dos falecidos por esta enfermidade eran maiores que estaban en residencias, nas que o PP nin aplicou os protocolos, nin esixiu responsabilidades nin quere investigar o que aconteceu”. “En Galicia sabemos que Feijóo non tivo capacidade de anticiparse nin de darlle protección aos maiores”, remachou.
Así pois, o candidato socialista que este argumentario “é unha falla de respecto á cidadanía e ás familias dos maiores que faleceron nas residencias”, ademais de que “enganan cando din que onde houbo problemas foi nas comunidades autónomas nas que non gobernaba o PP”.
RESIDENCIAS PÚBLICAS
Gonzalo Caballero comprometeuse hoxe en Boiro a abrir na próxima lexislatura 2.000 prazas para maiores en residencias públicas. Sinalou que se trata dun obxectivo ambicioso pero “factible”, que situará a Galicia na senda de recuperar o déficit de 14.000 prazas -de acordo cos baremos da OMS- na que a ten situado o fracaso da xestión de Feijóo nos últimos 11 anos.
O candidato socialista defendeu un novo modelo de residencias para maiores con máis garantías sanitarias, máis atención e unha oferta diversificada que inclúa vivendas compartidas. Urxiu a toma de decisións neste sentido logo de 11 anos nos que Feijóo “non fixo unha soa residencia pública para maiores”.
Alertou ademais dunha absoluta falla de controis e a falla de atención aos protocolos, deixando aos maiores ao albedrío das empresas que “entenden as residencias como un negocio” e provocando “situacións moi graves”, como se ten comprobado na crise sanitaria.
COMPROMISO CON BOIRO
O candidato do PSdeG aproveitou a visita a Boiro, acompañado do seu alcalde, o socialista José Ramón Romero, para comprometerse a manter un encontro no primeiro mes de goberno para analizar a cesión de terreos municipais e desbloquear a construción dunha nova residencia pública de maiores para a localidade.
Salientou a xestión do alcalde socialista, que ofreceu aos veciños de Boiro “un ano de estabilidade, de modernización, de aposta polas políticas sociais” nun Concello no que “facía falta modernización, compromiso e racionalización da administración local”, e que apuntan a un alcalde “para moitos anos” liderando unha nova etapa de progreso.
O alcalde de Boiro trasladoulle ao candidato socialista a “demanda histórica de Boiro e O Barbanza” para construír unha residencia de maiores, e acompañou a Caballero ao terreo que o Concello quere cederlle á Xunta para construír a infraestrutura.