O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Ferrol en compañía do alcalde, Ángel Mato, para amosar o seu “compromiso” cunha cidade “que foi perdendo pulo” e que “necesita un impulso para unha década de progreso”.
A modo de exemplo, citou o “suspenso” de Feijóo na VAC Costa Norte e as necesidades de persoal sanitario da cidade, ao tempo que puxo en valor a inversión do goberno de España de máis de 4.000 millóns de euros para construír fragatas. “E a Xunta tamén ten posibilidades industriais”, recalcou.
En paralelo, puxo en valor “a estabilidade e a capacidade do goberno local para desatascar e resolver os problemas da cidadanía” de Ferrol.
Así pois, no inicio desta precampaña, Gonzalo Caballero chamou á “participación” para poñer en marcha “unha nova política de defensa dos servizos públicos e unha nova política económica e industrial” dende a Xunta.
“Se o cambio era importante o 5 de abril, agora é imprescindible”, subliñou o dirixente socialista, para apelar a “un goberno progresista en Galicia en liña co goberno local que ten máis da metade da cidadanía galega e en liña co goberno de España”.
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, salientou a coordinación que mantivo con Gonzalo Caballero ao longo desta pandemia para coñecer as necesidades da cidade departamental.
Ademais, deu por feito que Gonzalo Caballero será “un excelente presidente da Xunta” e valorou que sería moi positivo para Ferrol, á vista de que “é consciente da importancia da industria e da rehabilitación do patrimonio histórico” para esta cidade.