O secretario xeral sinala o “enorme clamor” de “centos e centos” de profesores universitarios que obrigou a Feijóo a retirar o seu plan de reforma docente, feito “pola porta de atrás” por “actores privados”
Santiago, 26 de maio de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza coa comisión sectorial parlamentaria de Educación do PSdeG na que avaliaron o Programa de Transformación á Docencia Innovadora no Sistema Universitario Galego que a Xunta intentou “impoñer” e que foi rexeitado por “centos e centos” de profesores universitarios.
“O enorme clamor nas universidades públicas foi quen de gañar unha nova batalla a Feijóo en defensa dos servizos públicos”, recalcou o líder dos socialistas galegos, quen destacou que Feijóo tivo que dar “marcha atrás” no seu intento de reformar a docencia universitaria “de forma exprés e sen consenso”.
De feito, Gonzalo Caballero criticou que a Xunta tentara “impoñer” un plan “feito a correr” e que foi “elaborado por actores privados” sen ter en conta ás universidades públicas galegas, nun ataque á súa autonomía. De feito, o obxectivo do PP era pór en mans dunha fundación privada a coordinación do proceso de transformación das universidades públicas galegas.
O escrito firmado por varios centos de docentes esixindo a “retirada inmediata” dese plan, que constitúe “un novo exercicio de desprezo á comunidade universitaria galega” por parte do PP, motivou que tiveran que retirar o texto. “É unha vitoria da universidade pública galega fronte á falla de rumbo do goberno do PP”, concluíu o dirixente do PSdeG.
ESCRITO DAS UNIVERSIDADES
Nese escrito remitido xa á Xunta, os asinantes recriminan ao goberno de Feijóo que “utilice como escusa a pandemia para cambiar de forma radical o sistema de organización presencial e de avaliación da docencia” e que o faga, ademais, cun mecanismo “expres” no que non se escoitou aos centros.
“É un desprezo ao noso traballo que se pretenda levar a cabo un cambio radical no modelo de ensino de forma sorpresiva e expres e sen contar cos principais actores”, poñen de manifesto.
Na mesma liña, critican o “desprezo” da Xunta cara o traballo realizado polas universidades públicas nos últimos dez anos para perfilar a metodoloxía docente e os sistemas de avaliación de cada título. “Miles de horas de traballo”, resumen os profesores que firman o documento.
“UNHA NOVA POLÍTICA UNIVERSITARIA”
Neste contexto, Gonzalo Caballero evidenciou que “o goberno de Feijóo carece dunha política universitaria sólida e solvente para as universidades públicas galegas” e que, tras “abandonar” á educación pública nestes once anos, “agora carece de folla de ruta para impulsar á universidade pública galega en tempos da covid-19”.
“Cómpre -engadiu o máximo responsable do PSdeG- unha nova política universitaria en Galicia, que estea a servizo do público e a carón da comunidade universitaria”. Así mesmo, Gonzalo Caballero comprometeu “conexión” do goberno galego coas tres universidades públicas para afrontar os retos que veñen por diante.