O secretario xeral chama a “impulsar e promover” o galego “para que non exista discriminación e poida usarse con normalidade” nos eidos público e privado
Así é que nesta xornada para “festexar, promover e impulsar a nosa lingua”, Gonzalo Caballero destacou o galego como “unha forma de sentir o país”. “Porque o galego somos todos nós”, engadiu.
De feito, sinalou o noso idioma non só como “unha riqueza cultural e lingüística”, senón tamén como “un sentimento” e un sinal de identidade. “Falar do galego é falar con todo o agarimo do noso”, apostilou o máximo dirixente do PSdeG.
Precisamente por iso, fixo fincapé en que “toca impulsar e promover a nosa lingua para que non exista discriminación e para que poida usarse con toda a normalidade tanto no ámbito público como no privado”.
Nesta xornada de celebración, ademais, Gonzalo Caballero reivindicou “o compromiso galeguista” do PSdeG, enfocado “na defensa da lingua propia, no noso xeito de comunicarnos”, e “na loita por construír a Galicia que queremos”.
LETRAS GALEGAS 2020
Por último, tras amosar o seu “compromiso” coa lingua “de Rosalía, de Curros, de Pondal, de Castelao, de Cabanillas e de Celso Emilio”, Gonzalo Caballero destacou tamén a figura de Carvalho Calero.
O homenaxeado este ano foi, como apuntou o líder socialista, o primeiro catedrático en Lingua e Literatura Galegas e o autor dunha gramática galega de referencia na década dos 60.