O secretario xeral destaca que as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo están actuando mentres a Xunta “abandona aos concellos” e non toma medidas para traballadores e empresas
Santiago, 5 de maio de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e os presidentes socialistas das deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo amosaron hoxe a súa coincidencia en que “é fundamental” que se prorrogue o estado de alarma “para que a saída da crise sexa coordinada”.
O líder do PSdeG mantivo unha xuntanza telemática cos presidentes das Deputacións da Coruña e Lugo, Valentín González Formoso e José Tomé, respectivamente, e coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e todos eles apelaron á necesidade de “extremar a responsabilidade e a prudencia” fronte á pandemia.
“Hai que dar unha saída a esta crise de xeito coordinado para defender a saúde pública”, remarcou Gonzalo Caballero, quen sinalou “a enorme irresponsabilidade” na que están incorrendo Feijóo e o PP de Pablo Casado ao opoñerse a prorrogar o estado de alarma.
“Están nunha escalada de confrontación que é impropia dun partido de goberno”, subliñou o máximo dirixente dos socialistas galegos, quen puxo o foco en que o estado de alarma é un mecanismo constitucional previsto para facer fronte a crisis sanitarias e que “foi e está sendo fundamental para defender a saúde”.
TOMAR MEDIDAS
Ademais, ao termo da xuntanza, Gonzalo Caballero puxo en valor que os gobernos progresistas nas deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo “amosan como se pode dar unha resposta a esta crise a carón dos concellos e da cidadanía”.
Fronte a este xeito de gobernar, en liña co goberno de España, o secretario xeral do PSdeG situou a Feijóo, que está “abandonando aos concellos” e non toma medidas como as que están levando adiante outros executivos autonómicos para apoiar a traballadores, autónomos e empresas.
Finalmente, Gonzalo Caballero volveu urxiu a Feijóo que convoque aos grupos parlamentarios, aos axentes sociais -nomeadamente sindicatos e patronal-, aos alcaldes das sete cidades galegas, aos catro presidentes de deputación e ao presidente da Fegamp para perfilar a folla de ruta para “a reconstrución de Galicia” trala crise da covid-19.