O secretario xeral reclama unha vez máis coñecer cantos profesionais se contrataron de xeito estable para o Sergas e critica que Feijóo non acuda ao Parlamento: “Non pode seguir agochado tralas cámaras da TVG”
Santiago, 22 de abril de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou hoxe a Feijóo a “rectificar” a súa política sanitaria e tamén os plans que avanzou onte para “evitar a masificación” dos centros sanitarios. “Esas medidas non dan resposta ás necesidades de futuro”, subliñou, e urxiu a “reforzar a Atención Primaria”.
Neste contexto, na comparecencia do conselleiro de Sanidade, o líder do PSdeG apuntou que Galicia chega a esta crise “con menos camas de hospitais, con menos profesionais en Atención Primaria” e tras anos de “enorme conflitividade” debido aos “recortes” e os “ataques” que o goberno do PP estivo inflixindo á sanidade pública.
É por iso que Gonzalo Caballero amosou a súa “preocupación” polo feito de que a única revisión do modelo que formula a Xunta pasa por profundar na teleasistencia e pola diminución de persoas nos centros de saúde e nos hospitais, e non en impedir que os médicos teñan que atender “máis de 50 pacientes ao día”.
“Hai que pensar a sanidade do século XXI”, remarcou o máximo dirixente do PSdeG, consciente de que “hai que dar a Atención Primaria a importancia que ten”. Así mesmo, recordou que “hai un mes” pediu incrementar a plantilla do Sergas e darlle estabilidade laboral sen que ata o de agora se coñeza que se fixo neste senso.
De feito, sinalou Gonzalo Caballero, o que transcendeu polo momento é o cese dunha xefa de servizo de Vigo por advertir fallos nos protocolos de protección e a negativa do Sergas a prorrogar o contrato dos enfermeiros que traballaban na planta de coronavirus no Hospital Clínico de Santiago, que despois foi rectificada.
FALLA DE ANTICIPACIÓN
En paralelo, ante o intento do PP de “reescribir a historia”, Gonzalo Caballero negou a “anticipación” que busca atribuírse e que “non se corresponde cos feitos”.
“Non houbo anticipación. Se a houbera, a súa responsabilidade nas consecuencias da pandemia sería moito maior”, recalcou, á vista dos fallos de protección, da carencia de material e dos problemas que aínda existen nas residencias.
“A chegada tardía do virus a Galicia e o confinamento impulsado polo Goberno de España impediron unha maior extensión do covid-19”, explicou o líder do PSdeG.
Ao fío disto, recriminou á Xunta que tente “pasar de puntillas” pola crise nas residencias, onde se rexistra “case a metade dos falecidos” en Galicia sen que as medidas tomadas polo goberno galego “estiveran á altura”.
COMPARECENCIA DE FEIJÓO
O voceiro parlamentario do PSdeG, quen comezou a súa intervención cun recoñecemento aos profesionais sanitarios e unha mensaxe de agarimo a todos os que sofren o coronavirus, lamentou a ausencia de Feijóo na Cámara.
“Hoxe debería estar aquí”, defendeu, á vista de que Feijóo só compareceu no Parlamento nunha ocasión nas últimas seis semanas, “non pode seguir agochado tralas cámaras da TVG”.
Ante a réplica do voceiro do PP sobre que “a metade do goberno galego” xa compareceu, Gonzalo Caballero recordou que só o fixeron cinco dos 12 integrantes da Xunta mentres que o presidente do goberno acudiu catro veces ao Congreso e o ministro de Sanidade rendeu contas ata en seis ocasións.