Gonzalo Caballero, Pablo Arangüena, Patricia Otero e Marina Ortega encabezan as listas por Pontevedra, A Coruña, Lugo e Ourense para as eleccións do 5A
Santiago, 27 de febreiro de 2020. O PSdeG vén de aprobar por aclamación as súas candidaturas ao Parlamento galego, nas que Gonzalo Caballero, Pablo Arangüena, Patricia Otero e Marina Ortega figuran como cabezas de lista nas provincias de Pontevedra, A Coruña, Lugo e Ourense, respectivamente.
No caso de Pontevedra, estará encabezada polo candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero. Profesor titular na Universidade de Vigo, é doutor en Economía pola Universidade de Vigo e en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela.
No que atinxe á Coruña, o perfil elixido para encabezar a candidatura pola provincia é o do vicesecretario xeral do PSdeG. Nado na cidade herculina en 1973, foi o letrado que denunciou en 2011 as irregularidades nas prexubilacións dos antigos directivos de Novacaixagalicia e na actualidade é deputado no Congreso pola súa circunscrición.
En Lugo, a secretaria xeral do PSOE na provincia ocupará a cabeza de cartel. A burelense, nada no 1979 é licenciada en Dereito, xa exerceu como deputada autonómica, ademais de como concelleira na súa vila.
No referido a Ourense, a secretaria de Política Social do PSdeG liderará a lista. Nacida no Carballiño en 1983, esta psicóloga de profesión é deputada no Congreso despois de pasar pola concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade da súa localidade.
LISTA A CORUÑA
Por detrás de Pablo Arangüena, no número dous da lista da Coruña, sitúase a compostelá Noa Díaz. Trala concelleira e secretaria de Cultura na dirección galega do PSdeG, o terceiro posto é para Martín Seco, o secretario de Acción Electoral do PSdeG e concelleiro en Arteixo.
A continuación, repite nas listas a cercedense Begoña Rodríguez Rumbo, por diante de Bruno Díaz, ferrolán e secretario de Economía do PSdeG. No número seis está Pilar Muiños, da Coruña, e no sete figura Manuel Santiago, de Ferrol. A continuación aparecen Emma González (Miño), José Luis Vergara (Cedeira) e Guadalupe Rodríguez Silva (Santiago).
LISTA LUGO
No caso de Lugo, a candidatura complétase con Luis Álvarez, actual vicevoceiro parlamentario socialista; seguido por dúas mulleres: a concelleira en Lugo Rosana Rielo e a edila en Monforte Marina Doutón. No número cinco figura o catedrático de Enxeñería Vexetal Manuel Marey.
A continuación, irán Marta Rouco (Vilalba), José Luis Vázquez Hermida (Chantada), Marisol Rey (Viveiro), José Manuel López Torre (Sarria) e Marina Ramudo (Pol).
LISTA OURENSE
En Ourense, por detrás de Marina Ortega sitúase o verinense Juan Carlos Francisco, senador, quen xa fora parlamentario autonómico entre 2010 e 2012. A continuación sitúase a ourensana Carmen Rodríguez Dacosta, quen accedeu á Cámara galega hai uns meses, e no cuarto posto atópase Eduardo Ojea (O Barco de Valdeorras).
Catro ourensanos máis, Elena de Prada, José Antonio Novoa (Xuventudes Socialistas), Marina Tallón e Miguel Ángel Rodríguez Ojea, atópanse nos números cinco, seis, sete e oito. Bibiana Iglesias, de San Cibrao, sitúase no número nove, antes de José Rodríguez (A Mezquita).
Antonio Rodríguez, quen fora secretario xeral do PSdeG, pecha a lista de Ourense, de onde é natural, a xeito simbólico de apoio ao proxecto socialista de cara ao 5 de abril.
LISTA PONTEVEDRA
No que atinxe a Pontevedra, Isaura Abelairas, concelleira de Igualdade e Políticas de Benestar en Vigo e mestra de profesión, ocupa o número dous; e Paloma Castro, concelleira en Pontevedra e secretaria de Xustiza do PSdeG, ocupa o terceiro posto por diante de Julio Torrado (Vilagarcía), quen xa exerceu como deputado autonómico na lexislatura que acaba de rematar.
No cinco concorre a viguesa Leticia Gallego, mentres que no seis se sitúa a xornalista Noelia Otero, xusto antes de Daniel Chenlo (Pontecesures), Olga Rodríguez Puga (Redondela), Rafael Cotelo (Pontevedra) e Paula Fernández Pena (Silleda).
Na candidatura pontevedresa cobran especial relevancia as mulleres, onde son maioría dos compoñentes , en liña co compromiso feminista explicitado en pasados días polo propio Gonzalo Caballero.