O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, advertiu hoxe que “a proximidade de Feijóo foi a dos recortes que todos sentimos, de quen nos quitou dereitos sanitarios e recortou servizos públicos esquecendo as prioridades do país”. Así o dixo nun encontro coa alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, que sinalou como “exemplo do vento de cambio” para Galicia.
O líder dos socialistas galegos ironizou así coa “campaña de proximidade” que anunciou onte o presidente da Xunta, coa que pretende “agochar a realidade do país” e da xestión de quen se demostrou “letal” para a cidadanía. Do mesmo xeito, criticou a “campaña de artificialidade e publicidade continua” do PP utilizando “o poder institucional da Xunta” para “darnos máis do mesmo durante moitos anos”.
Gonzalo Caballero deu por feito que o candidato do PP irá “tomar cafés cos seus amigos do PP” e non cos galegos “aos que lles recortou pediatras, quitou camas nos hospitais, reduciu o número de mestres, reduciu as escolas infantís no rural, incumpriu en residencias públicas e na aposta polo medio rural…”. “Feijóo non pode percorrer Galicia porque hai unha Galicia que rexeita a Feijóo”, sentenciou.
E é que, como dixo o candidato socialista, o presidente da Xunta non pode pretender agora “tomar café do lado dos que defendemos a sanidade, a educación, o medio rural ou dos que buscan emprego, dos 700.000 galegos no limiar da pobreza”. “Galicia tense que erguer fronte aos recortes e á publicidade institucional dun Feijóo sen respostas nin proxectos, e que non vai facer nun mes o que non fixo en 11 anos“, remarcou.
VENTO DE CAMBIO
Gonzalo Caballero visitou hoxe Forcarei, un concello que ten por primeira vez unha alcaldesa socialista. Por iso, presentouno como “exemplo do vento de cambio” que protagoniza unha “Galicia que non se quere conformar cunha dereita que gobernou en Galicia durante 33 dos 39 anos de autonomía”. “É o exemplo de como Galicia non se resigna ao pasado”, engadiu.
E, tras poñer en valor a Verónica Pichel, que “representa a unha nova xeración de galegos e galegas, de mulleres galegas comprometidas, preparadas e formadas”, o candidato do PSdeG á Xunta incidiu en que Forcarei representa “á Galicia interior, aos concellos pequenos” que “sofren recortes na sanidade e a educación públicas…”.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero comprometeu un goberno socialista que sexa “o mellor aliado do goberno municipal” para conseguir “novos servizos sanitarios, infraestruturas, que aposte pola educación pública, polos servizos para os maiores e que consiga un medio rural potente”.
“Cada día que pasa, milleiros de galegos e galegas achéganse ao PSdeG para impulsar o cambio”, destacou o líder socialista, quen sinalou que así ocorreu tamén en maio do ano pasado en localidades como Forcarei ou na Cañiza, Vilalba, Taboadela e Ramirás, que por primeira vez deixaron de ter un alcalde do PP.
“DÉBEDAS” DE FEIJÓO CON FORCAREI
A alcaldesa de Forcarei trasladoulle ao candidato socialista as “problemáticas e débedas” acumuladas por Feijóo con esta localidade, que pasan pola perda dun médico no centro de saúde de Soutelo, a perda do servizo de Pediatría en Forcarei ou as baixas e vacacións de profesionais sanitarios que quedan sen cubrir e a ausencia dunha ambulancia medicalizada para o PAC de Cerdedo-Cotobade.
Estas carencias provocan, como dixo a rexedora, “uns transtornos para a cidadanía que ata o PP de Forcarei recoñeceu votando a favor dunha moción do PSdeG contra os recortes de Feijóo” na localidade. Apuntou tamén á paralización da AG-59, que conecta a localidade con Santiago, ou o mal estado do campo de fútbol dun concello “ausente nos orzamentos da Xunta para 2020”.