O candidato do PSdeG á Xunta avanza unha axencia de desenvolvemento rural e reto demográfico dependente da Presidencia como “garantía da defensa dos dereitos do rural”
Santiago, 12 de febreiro de 2020. O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza coa plataforma Galicia Baleira, que aglutina 400 asociacións de veciños das provincias de Lugo e Ourense, para amosar o seu compromiso coa aposta polo medio rural. Nese encontro estiveron tamén a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e os secretarios provinciais do PSOE en Lugo e Ourense, Patricia Otero e Rafael Rodríguez Villarino, respectivamente.
Coa necesidade de frear o despoboamento en mente, o líder socialista lamentou que os 11 anos de Feijóo “deixan unha Galicia sen vertebración territorial”, posto que o PP “esqueceuse de conectar co impulso urbano e de respaldar ao rural”. “Non podemos ter unha Galicia de dúas velocidades”, recalcou, consciente de que no interior fan falla servizos públicos e emprego.
Pola súa banda, Gonzalo Caballero prometeu “un novo tempo” tamén para o rural, cunha aposta pola educación pública, a sanidade pública e a atención aos maiores combinada cunha política económica e de vertebración do territorio que poña “a prioridade nas persoas”.
“Hai que meter a marcha cara o futuro, a Galicia do medio rural non pode ir a ralentí como vai con Feijóo”, incidiu o candidato socialista á Presidencia da Xunta, quen exemplificou no caso do peche do paridoiro de Verín a “falla de compromiso de Feijóo coa Galicia interior”. Os “guiños” que pretende facer en campaña ao rural, advertiu, non ocultarán o “despoboamento” e a “falla de oportunidades” actual.
“Feijóo prometeu que esta ía ser a lexislatura do rural, pero foi a do abandono do rural”, recalcou Gonzalo Caballero, á vista do “balance nefasto” que deixa a súa xestión. De feito, ao recorte de servizos no rural e á falla de impulso aos sectores primarios sumou o feito de que hoxe en Galicia hai 50.000 traballadores menos mentres en España hai 650.000 máis. “E un país sen emprego non dá posibilidades de desenvolver un proxecto de vida digno”, engadiu.
Neste escenario, o cabeza de cartel do PSdeG explicou que “tomaremos o mellor” do modelo escocés para facer deseñar unha axencia de desenvolvemento do rural e de revitalización da demografía. Dependente da Presidencia da Xunta, será “a garantía dunha política transversal e da defensa dos dereitos do rural”.
“REEQUILIBRIO TERRITORIAL”
Pola súa banda, a rexedora de Lugo remarcou a importancia da creación de emprego para “xerar riqueza” no interior e, así, asentar a poboación. Neste contexto, Lara Méndez advertiu que tamén as infraestruturas son “imprescindibles” para dotar de “competitividade” ao territorio.
“Feijóo deixa un rural máis despoboado e con menos oportunidades”, lamentou a alcaldesa de Lugo, quen avogou por que “se poida vivir no rural e do rural”.
Así mesmo, o secretario provincial socialista en Ourense puxo o foco en que o concepto do “reequilibrio territorial” desapareceu co goberno progresista na Xunta e subliñou a importancia deste termo á vista de que Ourense é “a provincia máis envellecida de España”.
Por iso, amosouse convencido de que un goberno galego encabezado por Gonzalo Caballero traballará para “reverter” o alto grao de envellecemento e despoboamento que fundamentalmente atinxe ás provincias de Lugo e Ourense.
“SANGRÍA DEMOGRÁFICA”
Da “sangría demográfica” falou o presidente da plataforma Galicia Baleira, Jesús Vázquez, quen sinalou que as provincias de Lugo e Ourense perderon uns 300.000 habitantes nas últimas décadas.
“Ou tomamos isto en serio ou non temos futuro”, recalcou, consciente de que no rural “cada vez somos menos e máis vellos” sen que por iso “teñamos menos dereitos”.
De aí que, tras agradecer a recepción do Partido Socialista, con Gonzalo Caballero á cabeza, subliñase o “déficit tremendo” en materia de sanidade pública e de ambulancias e no eido da atención a maiores en residencias públicas e centros de día.
Reclamou “discriminación positiva” para o rural, para mellorar a cobertura móbil, os servizos e as infraestruturas e apoiar a creación de emprego e os sectores primarios.