O viceportavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, lamentou hoxe o veto do PP ás 15 emendas presentadas polos socialistas á iniciativa parlamentaria daquel grupo que incorporaba 25 demandas ao goberno central. Álvarez lamentou que o PP pechara a porta a incluír o pago do IVE de decembro de 2017 pola vía orzamentaria ou a través do novo modelo de financiamento, co que os socialistas abstivéronse na votación da iniciativa.
Os socialistas galegos incorporaban esta proposta para completar a iniciativa do PP abrindo unha vía para resolver o “problema do IVE de 2017 xerado polo goberno presidido por Rajoy ao cambiar os prazos da última liquidación”. Lembrou ademais que aquela modificación fora aprobada co informe favorable do Consello de Estado presidido por Romay Beccaría e sen que a Xunta presentara daquela ningunha alegación.
Criticou que o PP “non quere que a opinión pública sexa consciente de que o problema foi xerado por Montoro –daquela ministro de Facenda- ao regularizar o IVE de 2017 con só 11 meses liquidados, sumando o último á liquidación de 2018.
Luis Álvarez afeoulle ao PP que, “dentro deste furor epistolar” no que caeu o presidente da Xunta contra o goberno central, teña presentado unha extensa carteira de demandas, e que deron en chamar Axenda Galicia, obviando sen embargo calquera tipo de compromiso dirixido á Xunta de Galicia. Preguntou neste sentido se “non forma parte da Axenda Galicia a acción da Xunta de Galicia”, ou é que, continuou, “esta iniciativa é en si mesma unha parte do programa do PP”.
Lembrou neste sentido que “os dous gobernos teñen obrigas e deben impulsar iniciativas”, por moito que a proposta do PP só incorpore “obrigas para un dos gobernos”. Neste sentido reclamou por exemplo que dentro da petición por parte do PP de aprobar a Estratexia Nacional fronte ao reto demográfico, lembrou que a Xunta “tamén ten que tomar decisións importantes”, porque, subliñou, “están vostedes para falar de políticas demográficas”.
Os socialistas pedíanlle así á Xunta que “rectifique o seu fracaso e falla de iniciativa” neste ámbito co obxecto de “coordinar a axenda galega coa Estratexia Nacional”, que deberá pasar a ser unha “cuestión prioritaria”, iso si, “a diferenza do que pasou co Goberno presidido por Rajoy”.
Infraestruturas
Álvarez sinalou tamén a emenda de adición en materia de infraestruturas chamando ao compromiso do goberno galego no avance destas obras, presentando unha planificación realista do Plan Move “que permita acadar os obxectivos previstos”. Sinalou que a demanda do PP para cumprir cos prazos do AVE “é para nota” logo do informe do Tribunal de Cuentas revelando un retraso de 50 meses e 500 millóns de sobrecustes polas paralizacións do goberno de Rajoy.
O viceportavoz socialista retrucoulle hoxe ademais ao portavoz do PP, quen falaba dos “estraños compañeiros de cama” do actual goberno presidido por Pedro Sánchez sinalando que “para compañeiro de cama, matrimonio ou parella de feito, o que teñen vostedes con quen cuestiona o modelo autonómico que tanto aparentan defender”.