O secretario xeral rexeita as “descualificacións” de Feijóo ao goberno progresista: “Perdeu a centralidade dende que apoiou os pactos con Vox e agora tamén perdeu o respecto institucional”
José Luis Ábalos garante que o PSOE “se volcará” para conseguir “el cambio en Galicia”: “Estoy convencido de que Gonzalo Caballero va a ser el próximo presidente de la Xunta”
Santiago, 25 de xaneiro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou hoxe a poñer “a sexta marcha” para afrontar o traballo que desembocará nas eleccións autonómicas que serán “o fin” da etapa do PP á fronte da Xunta. Así será, como dixo ante o Comité Nacional do PSdeG, porque “Feijóo xa xera fartazgo”.
“Afrontamos este ano coa responsabilidade de saber que acabaremos o 2020 gobernando Galicia”, recalcou o líder dos socialistas galegos, en compañía do secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, e “co convencemento de que somos a mellor opción para Galicia”.
Coa “defensa do feito” nas etapas dos presidentes Laxe e Touriño e coa “forza e ilusión” do Partido Socialista, Gonzalo Caballero asegurou que o obxectivo para este ano é “desbancar ao PP, gañar as eleccións” para dar a Galicia un proxecto que teña no centro a política social, unha política económica pensada para as persoas e unha aposta pola vertebración do territorio que free o abandono do rural.
“Non imos permitir máis retrocesos na sanidade pública”, engadiu o máximo dirixente do PSdeG, consciente de que “berros como que Verín non se pecha” marcarán a conclusión do tempo de Feijóo no goberno galego. “Hai unha nova Galicia que non quere seguir esmorecendo”, evidenciou.
Así as cousas, Gonzalo Caballero chamou a toda a organización a ter “as pilas postas” para traballar polo cambio en Galicia. “Para poñer contra as cordas a un Feijóo que xa non representa á maioría social”, incidiu, toda vez que non é “o político moderado” que aparenta nin “o bo xestor” que se nos vendeu.
“SÓ HAI DÚAS OPCIÓNS”
Neste escenario preelectoral, no que fixo fincapé o candidato socialista á Presidencia da Xunta é en que “só hai dúas opcións”: ou “o proxecto esgotado” do PP ou a apertura dun novo tempo “con xustiza social, feminismo, ecoloxismo e defensa do país”. “Nós somos o cambio no que se pode confiar”, proseguiu, cos exemplos dos gobernos en cinco das sete cidades galegas, en tres das catro deputacións en un centenar de concellos por toda Galicia.
“Somos a única sigla que garante o cambio político porque conecta coa cidadanía progresista”, destacou e chamou a mobilizarse “aos de sempre, aos que nos deixaron de votar nalgún momento e a aqueles que votaron ao PP pero están fartos de que só pense no PP e non en Galicia”. “Faremos un chamamento a Galicia coa bandeira do progreso social”, avanzou, ao tempo que comprometeu “o mellor proxecto de goberno, un proxecto sólido e crible co que os galegos poden estar tranquilos”.
Precisamente por iso augurou Gonzalo Caballero “unha campaña sen tregua”. “Porque Feijóo sabe que o cambio pasa por este partido”, reflexionou, antes de chancear con repartir “chalecos antibalas para resistir os ataques e as difamacións” que chegarán da dereita. Sobre todo, nun contexto no que os datos din que máis do 60% dos galegos queren relevar a Feijóo -o 73,4% no caso dos mozos entre 18 e 29 anos-. Así é que chamou a mobilizarse, porque unha participación alta garantirá ese resultado.
“PERDEU A CENTRALIDADE”
Ademais, o máximo dirixente do PSdeG aproveitou a súa intervención para censurar as “descualificacións” vertidas por Feijóo contra o goberno de España, con palabras impropias de quen representa a todos os galegos.
“Perdeu a centralidade política dende que apoiou os pactos con Vox en Andalucía, e agora perdeu tamén o respecto institucional”, criticou, ao tempo que advertiu que é unha estratexia “torpe” porque xa non lle funcionou o pasado ano. “Non aprendeu”, evidenciou Gonzalo Caballero.
“NOS VOLCAREMOS EN ESTA TIERRA”
Pola súa banda, o secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, garantiu o “compromiso claro” de todo o partido na campaña das eleccións galegas para conseguir “el cambio en Galicia”. “Nos volcaremos en esta tierra”, asegurou.
“Estoy convencido de que Gonzalo Caballero va a ser el próximo presidente de la Xunta”, afondou o dirixente socialista, fronte a un Feijóo que “busca hacer de esta tierra una trinchera desde la que hacer frente al gobierno de España, porque no es bueno para Galicia”.
Ademais, Ábalos destacou a importancia da “agenda gallega, que es la agenda socialista” na mesa do Consello de Ministros e recalcou que está centrado na chegada do AVE a Galicia, que será “en 2021”. Neste punto, reclamou “lealtad” a Feijóo, máxime despois de que o Tribunal de Cuentas revelase que “dos tercios de los contratos se pararon o ralentizaron” en 2016.
“Ya no pido la misma comprensión que cuando gobernaba Rajoy…”, ironizou o ministro de Transporte, quen sinalou que eses atrancos non só afectan á conclusión das obras, senón que tamén tiveron un custo de 500 millóns de euros en compensacións “que se podían haber destinado a otras cosas”.
E, tras poñer en valor a implantación do sistema ERTMS ao longo da vía do AVE entre Santiago e Madrid, no que supón “una inversión en seguridad”, avanzou compromiso coa implantación de rebaixas nas peaxes da AP-9 despois de que Aznar prorrogase a súa concesión ata o 2048.
Finalmente, o secretario de Organización do PSOE cargou contra a política de recortes que está poñendo en marcha Feijóo dende a Xunta, que exemplificou, como antes fixera Gonzalo Caballero, no peche do paridoiro de Verín. “Yo hago el AVE; que Feijóo se comprometa con la educación y la sanidad públicas”, finalizou.