O secretario xeral asegura que o goberno presidido por Pedro Sánchez terá “os grandes temas de Galicia” na súa axenda e comprométese a avanzar na redución das peaxes da AP-9
Santiago, 3 de xaneiro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, atribuíu hoxe “os malabarismos” de Feijóo a que “xa sabe que ten un pé fóra da Xunta”, porque “o tempo das maiorías absolutas rematou”. “Os galegos terán que optar entre pór á cidadanía no primeiro plano ou abocar ao país a estar baixo o control político da dereita e da ultradereita”, formulou.
Neste escenario, o líder dos socialistas galegos comprometeu traballo para “barrer a Feijóo e retiralo” da Xunta neste 2020. Así é que, como dixo, o presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, xa está coordinando a elaboración do programa electoral ao tempo que se puxo en marcha IdeaGaliciaLab. Dentro dunha campaña que será “de alta intensidade”, Gonzalo Caballero avanzou que visitará todas as bisbarras galegas “con carácter inmediato”, para “estar en contacto coa nova Galicia que quere cambio”.
Sobre todo, como evidenciou o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, ante “a inacción e a falla de compromiso” de Feijóo, quen carece de “solucións ou ideas” para afrontar os problemas de Galicia como o reto demográfico, a crise industrial e as dificultades dos servizos públicos. “Nós temos un proxecto dinamizador e con garantías no que estará cómoda a maioría dos galegos”, asegurou, xa que “gobernamos en máis de cen concellos, en cinco das sete cidades e en tres das catro deputacións”.
Ao fío desa “indolencia” coas necesidades de Galicia, Gonzalo Caballero citou o exemplo do peche do paridoiro de Verín como “a punta do iceberg dos recortes”, e lamentou que Feijóo “siga impasible” mentres milleiros de persoas saen á rúa para reclamar o fin destas políticas. “Pedímoslle que rectificase e que destituíse aos responsables políticos da decisión, pero é imposible que Feijóo atenda xa as necesidades da sanidade pública”, subliñou.
Así as cousas, tras prometer que un goberno progresista na Xunta “rectificará” esa medida, posto que o paridoiro de Verín funcionaba “con seguridade”, o máximo dirixente do PSdeG sinalou que “só unha labazada electoral” ao PP de Feijóo por parte dunha maioría social progresista fará que “cambien” estas políticas de recortes e de falla de aposta polos servizos públicos.
OS ASUNTOS DE GALICIA, NA MESA DO GOBERNO
En paralelo, Gonzalo Caballero abordou a situación política a nivel nacional e concluíu que “España necesita un goberno en plenitude de funcións”, para poder tomar “medidas que prioricen ás persoas e ás familias”.
Neste punto, rexeitou “a estratexia do boicot” á gobernabilidade de España posta en marcha polo PP e por Ciudadanos, que “estanlle facendo o caldo a Vox”. “Tentar abocar ao país a terceiras eleccións é algo que ningún cidadán quere, e un camiño a ningures”, concluíu o líder socialista.
A partires da investidura de Pedro Sánchez como presidente do goberno, como apuntou, “todos os grandes temas de Galicia” estarán incorporados na axenda de traballo do executivo.
Así, Gonzalo Caballero avanzou traballo na liña de combater os problemas industriais e o devalo demográfico, así como melloras nas políticas sociais e actuacións encamiñadas a combater a suba das peaxes da AP-9 e a debater sobre a transferencia da titularidade da vía.
“Estudaranse vías de futuro que posibiliten reducir o custe da peaxe. Ese é o meu compromiso”, garantiu o dirixente socialista, para facer fincapé en que “un goberno progresista en Galicia acadará avances” neste eido que o PP non aprobou.