O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou hoxe que o PP “non entende e non quere entender á saúde mental” ao negarse a reforzar a plantilla de psicólogos clínicos no Sergas. Torrado presentou unha proposición non de Lei para contratar a 20 profesionais da psicoloxía clínica nos próximos dous anos ata acadar a ratio recomendada polos profesionais, que o PP rexeitou malia apoiar a iniciativa parcialmente.
Criticou que o goberno galego só acepte as opinións profesionais “que interesan en determinado momento”, aludindo ao argumento do presidente da Xunta para pechar o paridoiro do Hospital de Verín. Sinalou que a recomendación de incrementar o número de psicólogos provén da Estratexia Nacional para a Saúde Mental feita polo goberno en 2014, constatando que “o PP non lle fai nin caso aos mesmos profesionais aos que o PP lles encarga informes”.
O responsable socialista explicou que o Sergas conta actualmente con 98 psicólogos clínicos, o que supón 3,7 por cada 100.000 habitantes, cando a Estratexia Nacional de Saúde Mental apuntaba a unha ratio de 4,3, o que suporía contratar 20 novos profesionais. Tamén reclamou incorporar psicólogos aos equipos de atención primaria para “dotar de maior capacidade resolutiva, maior calidade e maior especificidade asistencial ao sistema”.
Torrado explicou que a psicoloxía clínica é actualmente “a irmá pequena do resto da sanidade” cun servizo “minorado” que en realidade resulta fundamental para ofrecer maior eficiencia e liberar ao resto dos facultativos. Sinalou que “a lo menos un de cada tres problemas que existen na Atención Primaria ten boa parte de compoñente psicolóxico”, e reivindicou “cambiar o modelo” para incorporar un “elemento máis terapéutico” que prestan estes profesionais.
Estratexia de Saúde Mental
O Pleno do Parlamento si que aprobou pedirlle á Xunta que elabore e presente en 6 meses unha “estratexia real de saúde mental en Galicia”, logo de que o PP pedira votar este apartado por separado. A proposta demanda tamén “a dotación de recursos necesarios para o seu desenvolvemento efectivo a través do sistema galego de saúde”.
Julio Torrado saudou este acordo logo de que o conselleiro anunciara o dito Plan Galego de Saude Mental ata en tres ocasións, “e nas dúas anteriores non o cumpriu, veremos que pasa coa terceira”. O propio presidente da Xunta, dixo, anunciou este Plan en 2015 “e tampouco foi presentado, permítannos que a lo menos dubidemos”.