O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu hoxe no Parlamento de Galicia para sinalar a Feijóo o seu “desastre sanitario” e a súa “falla de política industrial” tamén no que atinxe ao naval.
“Cada día que pasa é vostede un problema máis grave para Galicia”, lanzou o líder dos socialistas galegos a Feijóo, consciente de que “o seu goberno é xa un lastre do que Galicia necesita desprenderse”.
Sobre todo, como dixo Gonzalo Caballero, porque Feijóo “non quere recoñecer” os problemas do país “nin implicarse” na busca de solucións. Ademais, afondou, “non ten credibilidade” para abordar as crises abertas, sexa en materia industrial ou sanitaria ou sexa no eido rural.
Así, Gonzalo Caballero centrouse no peche do paritorio de Verín para afear a Feijóo os seus “recortes” na sanidade pública. “Toda Galicia recoñece o seu desastre en política sanitaria”, evidenciou, toda vez que “ata os cargos do PP en Ourense votan en contra dos seus recortes”.
De feito, retou ao presidente a acudir a Verín a dar explicacións sobre a supresión do paritorio e nos servizos de pediatría, cirurxía, coidados paliativos, dermatoloxía, traumatoloxía e anestesia.
“O FRACASO DE FEIJÓO”
Do mesmo xeito, tras facer fincapé nos “11 anos de inacción” da Xunta en materia industrial, que queda patente na perda de emprego industrial ou de valor engadido, Gonzalo Caballero xulgou que a marcha do naval representa á perfección “o fracaso” de Feijóo.
“Onde estaba cando Morenés bloqueaba o proxecto das fragatas para Navantia Ferrol? Onde quedou o seu compromiso solemne coa construcción de ata unha vintena de buques para Pemex? A quen puxo de xestor en Barreras?”, inquiriu o máximo dirixente do PSdeG.
Neste escenario, Gonzalo Caballero subliñou que “tivo que chegar un goberno socialista” para adicar 4.325 millóns de euros aos estaleiros públicos de Galicia, posto que Feijóo “calaba” ante o goberno de Rajoy; mentres nos privados predominan “os acordos opacos e as promesas incumpridas” que deixan polo de agora “800 traballadores que quedaron sen emprego nas auxiliares”.
“Cando Pemex entrou en Barreras, dixeron que era o éxito da Xunta e do seu presidente. A súa saída, por tanto, representa o seu fracaso”, recalcou o líder do PSdeG, para preguntarse se ocorrerá antes “a saída de Pemex de Barreras ou a saída da Feijóo da Xunta”.
Finalmente, Gonzalo Caballero lamentou que Feijóo “non ten a coraxe de dar a cara”. “Nin en Verín ante os traballadores do hospital; nin en Vigo, onde aínda o está esperando o comité de empresa de Barreras a que se reúna con eles”, sentenciou, crítico tamén con que a Xunta se limite a ser “un convidado de pedra” nas reunións co estaleiro lideradas polo goberno de España.
Por iso, ante as queixas de Feijóo, o voceiro parlamentario do PSdeG sinalou que “a insolencia” de Feijóo “é directamente proporcional á súa ineficiencia”. “Atrévese a dicirlle a quen representa a un partido da oposición que debería estar caladiño. Vai vostede aviado!”, concluíu.