O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao PP de “cochambear co sistema para promocionar derivacións á sanidade concertada”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamarlle ao Sergas información veraz sobre os tempos de espera reais na sanidade pública aos pacientes que lles ofrecen a derivación á concertada, que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista advertiu que a partir da Lei de Garantías, cando un paciente supera a demora máxima para unha intervención cirúrxica, se lle ofrece un centro concertado ao que “tenden a acceder”. Censurou que o goberno recorra ao “truco” de agochar a demora no centro público, polo que “dinlle que tardarán non sabemos canto na pública ou ser atendido en dous días no centro concertado”.
Torrado tomou a alerta da Valedora do Pobo, que cita este problema no seu último informe e alerta de que o rexeitamento polo paciente da oferta alternativa supón de facto a “inaplicación da garantía de prazos máximos”. Sinala que “agás que se poida acreditar unha causa xustificada, o feito de que un paciente decida ser atendido no seu Hospital de referencia, non significa que deba agardar tempos excesivos e esaxerados”.
Os socialistas reclamáronlle hoxe ao goberno galego que incorpore aos seus protocolos a prestación da información completa aos usuarios, e ademais que asuma este tempo de demora informado como compromiso de actuación real “para acadar unha maior calidade de confiabilidade no proceso para o sistema sanitario público”.
Trucos
Acusou ao goberno galego de empregar “trucos” nas listas de espera oficiais ao “depositar” aos pacientes que aínda non teñen cita programada nas listas “non estruturais” e que só computan cando son chamados. Por iso, dixo, “sucede que temos a metade da media de España de pacientes agardando menos de 15 días por unha operación, pero o dobre de persoas agardando máis de 6 meses”..
Esta situación converte nunha “falacia” as cifras que ofrece o goberno galego e esixiu coñecer información sobre o número real de pacientes en espera, así como a porcentaxe deles que son atendidos en tempo. O parlamentario socialista alertou de que a “explotación laboral” que provoca a Consellería de Sanidade está na orixe desta situación, e advertiu de que “é necesario máis persoal para resolver este problema”.