O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luís Álvarez, denunciou o “abandono e despreocupación” da Xunta cara ás ensinanzas artísticas superiores. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na que reclamou a reparación urxente do edificio do Conservatorio Superior de Música de Vigo, que o PP vetou a pesares de que deixaran sen gastar 15 millóns de euros para ensinanzas artísticas superiores entre 2016 e 2018.
Reclamoulle á Xunta “executar de xeito inmediato as actuacións máis urxentes nos edificios do Conservatorio Superior de Música de Vigo que dificultan o desenvolvemento das actividades docentes. O obxectivo, explicou Álvarez, é realizar as melloras no período non lectivo do próximo verán, dotando ao centro dos recursos necesarios que garantan “unha calidade educativa axeitada” de cara ao próximo curso.
Álvarez alertou que neste centro “existen desde hai varios cursos serios problemas de mantemento que dificultan o normal desenvolvemento das actividades docentes; pingueiras, deficiencias nas aulas, malas condicións acústicas e térmicas e carencia de material instrumental e didáctico adecuado”.
O responsable socialista alertou do “grao de abandono por parte dos responsables da Consellería de Educación” cara este centro, coherente coa “absoluta despreocupación” da Xunta polas ensinanzas superiores de música. Reclamou a máxima atención ao Conservatorio de Vigo, que é, xunto co Conservatorio Superior de Música da Coruña, “os únicos de grao superior da Comunidade Autónoma de Galicia”.
Orzamentos
Álvarez explicou que “diñeiro hai” para acometer estas actuacións por canto o goberno galego deixou sen gastar máis de 15 millóns de euros do orzamento previsto para ensinanzas artísticas superiores entre 2016 e 2018. Explicou que en 2016 deixaron sen gastar 4,5 millóns de euros dos 33,6 previstos, en 2017 deixou sen executar 5,6 millóns dos 36 orzamentados e, en 2018, deixaron sen gastar outros 5 millóns dun total de 37 orzamentados.