O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Xunta de “trampear aos pacientes para extraelos do sistema público”. O responsable socialista presentou unha pregunta en Comisión na que acusou ao Sergas de fufrtar información sobre as listas de espera no sistema público para “empurrar aos pacientes a escoller a concertada”.
Torrado explicou que o paciente recebe a oferta para “resolver xa” a súa situación renunciando ao centro de referencia e derivando á concertada voluntariamente pero sen coñecer a espera real na sanidade pública. Acusou ao Sergas de “condicionar” a resposta para incitar ás derivacións, e reclamou “información real e completa” sobre a espera para que o paciente poida escoller con tódolos datos sobre a mesa.
Sinalou neste sentido a “contradición palmaria” entre a intervención do director xeral de Asistencia Sanitaria, que hoxe negou derivacións a centros concertados baixo a Lei de Garantías, e o último Informe da Valedora do Pobo. A Alta Comisionada do Parlamento alertou das listas de espera e de que “a aplicación práctica da normativa sobre tempos de espera non alcanzou a súa plena eficacia” e das derivacións a centros concertados “polas demoras en esperas”.
Torrado citou textualmente o Informe, que alerta que o rexeitamento polo paciente da oferta alternativa supón de facto a “inaplicación da garantía de prazos máximos”. Sinala que “agás que se poida acreditar unha causa xustificada, o feito de que un paciente decida ser atendido no seu Hospital de referencia, non significa que deba agardar tempos excesivos e esaxerados”.